Premio dobre para a Escola Hungaresa no Torneo Nacional de Sabre Infantil de Cidade Real
Por Redacción
A Escola Hungaresxa de Esgrima participou a fin de semana en Cidade Real no segundo Torneo Nacional Infantil de Sabre da tempada, cita clasificatoria para o Campionato de España da categoría, e fíxoo con bos resultados para os seus deportistas.
En concreto para Matías Villamor e Candela Touriño, ao lograr unha medalla de prata e unha de bronce estreándose ambos os dous no medalleiro nacional da súa categoría.
Villamor e Álvaro Rodríguez representaron o club pontevedrés na competición masculina, superando a fase de grupos no sexto e undécimo posto respectivamente. Xa nos cruces Rodríguez superou o seu primeiro envite pero cedeu no segundo ao caer cun apertado 15-14 fronte ao abulense Lucas Sánchez.
Mellor foron as cousas a Matías Villamor, vencendo no seu camiño á final o donostiarra Diego Álvarez (15-2), o abulense Lucas Sánchez (15-11), o madrileño Eric Van Gent (15-11) e o tamén madrileño Flórez (15-13). No enfrontamento polo ouro con todo non puido co catalán Román (13-15).
En canto ao torneo de sabre feminino, a Escola Hungaresa presentou á competición a Candela Touriño e Carmen Cubela, superando ambas as dúas a fase de grupos nos postos 11 e 27.
Cubela cedeu no cruzamento das 32 mellores contra a burgalesa Gadea Páramo, mentres que Touriño si avanzou no cadro gañando a madrileña Inés Munro (15-6), á verdugo da súa compañeira de equipo (15-14) e a madrileña Elisa Morán (15-4). Xa en semifinais, cedeu fronte á catalá Mariona Sanahuja (10-14) tendo que conformarse co bronce.