Diego Rey sentencia o Arosa no minuto 88 (0-1)
Por Redacción
O Arosa caeu este sábado na Lomba ante a Sarriana cun gol de Diego Rey na recta final do encontro e perde a terceira praza da clasificación.
O conxunto arlequinado tratou de ser vertical desde o inicio para chegar rápido á área, pero as ocasións claras brillaban pola súa ausencia e apenas perturbaban a meta rival.
Co paso dos minutos a Sarriana foi crecendo e empezou a acumular oportunidades, a máis clara tras unha triangulación pola esquerda que finalizou Tijan demasiado cruzado.
Despois deses sustos, os xogadores de Luisito pasaron a ter o balón e a Sarriana meteuse a defender no seu campo. Apareceron entón Leonardo e Gegunde para xerar dúas ocasións perigosas. A primeira foi un centro do exfabrilista que Gegunde rematou rozando o poste, e na segunda cambiáronse os papeis e foi Leonardo o que recibiu entre a defensa para finalmente xutar entre os tres paus, pero o gardameta Valentín despexou cunha boa estirada.
Xa na segunda metade, o Arosa seguiu levando o peso do xogo e avisou nada máis saltar ao terreo de xogo. Iñaki Martínez disparou desde a frontal buscando a escuadra, e Valentín, cun auténtico paradón, sacou unha manno providencial para evitar o que puido ser un golazo.
A Sarriana, tras a ocasión, buscou as contras coa velocidade por banda de Tijan e Arona, non perdía a orde en defensa e resistíanse a ceder calquera opción aos locais.
Chegaron os cambios, os arlequinados fóronse afundindo aos poucos no seu campo e empezaron a ver perigar a súa portería con maior claridade. A Sarriana envorcouse por completo en ataque para levar o partido e puido facelo no 83 nun pase filtrado por Miguel sobre Diego Rey, que rematou á saída dun Raúl que impediu o gol.
Nada puido facer con todo cando case se cumpriu o tempo regulamentario. Acción entre Boedo e Diego Rey, que se plantou diante do gardameta arousán e bateuno por abaixo no man a man.
O Arosa tivo os oito minutos de desconto para tentar empatar, pero apenas xerou situacións de perigo, cedendo desta forma a terceira praza da clasificación.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
O Arosa rasca un empate en casa do líder Bergantiños
Por Redacción |
-
Goleada ante o Paiosaco dun contundente Arosa (0-3)
Por Redacción |
-
O Arosa recupera o terceiro posto co seu triunfo en Betanzos (1-2)
Por Redacción |
-
Iñaki Martínez dá os tres puntos ao Arosa
Por Redacción |
-
O Arosa cede un empate contra o Estradense
Por Redacción |