Solvente triunfo do Cisne para aumentar a confianza (27-31)
Por Almu Dapena
O Club Cisne Balonmán sumou este sábado en Mallorca o seu cuarto triunfo consecutivo que o mantén nos postos de play-off a falta de tan só tres xornadas para a conclusión da liga regular.
En canto ao encontro, comezou con ambos os equipos atrancados en ataque durante as primeiras ofensivas, que revelaban un escaso marcador de 4-2 aos 12 minutos de xogo. Nada lle saía ao Cisne e, por sorte, o Mallorca tampouco estaba o acertado que lle gustase. As imprecisións nos pases e nos lanzamentos evidenciaban a falta de ideas de dous equipos que tardaron en carburar.
Tardou menos en facelo o conxunto pontevedrés e fíxoo para voltear esa parcial inicial en contra. Abián Rodríguez, que xa emerxera como heroe do seu equipo, seguiu sendo un muro baixo paus, mentres que os seus compañeiros de ataque conseguían atopar por fin a claridade para portería e colocaban un 4-7 cos tres goles de Furtado, un de Mateo Arias e outro de André de Moura.
Nicolas Cechini anotou para o Handbol Mallorca despois de oito minutos de seca, pero Mateo Arias con outros dous goles anotaba o 5-9 que daba ao seu equipo a renda máis alta do partido.
Parou o tempo o técnico local para tentar reverter a situación, pero o Cisne ampliou a vantaxe en +5 (6-11) e logrou mantela ata pasado o minuto 27 de xogo, cando apareceu Pere Vaquer para recortar diferenzas e enviar ao partido ao descanso cun resultado de 11-14.
Tras o paso polos vestiarios a distancia reduciuse a dous goles cun gol aos 18 segundos de Rubén Sánchez. Os de Jabato seguiron mandando e aguantaron o empuxe do cadro balear ata que a exclusión de Vaquer deixou aos de Lérez en superioridade e aproveitaron a situación para volver aumentar a renda en catro tantos (15-19).
A partir dese momento o encontro non volveu cambiar. O Cisne seguiu mantendo a diferenza en 4 e 5 goles, o Mallorca tentou recortar diferenzas, pero os brancos apenas tiveron problemas para manter a cómoda vantaxe, que mesmo creceu a falta de catro miuntos para a conclusión (24-30).
Cos deberes feitos e o partido sentenciado, os pontevedreses baixaron o ritmo e os locais aproveitaron para maquillar e pechar o resultado en 27-31.
Consulta as estatísticas nesta ligazón
Relacionadas:
-
Un Cisne de dúas caras rasca un empate en Antequera (31-31)
Por Almu Dapena |
-
Triunfo cómodo e solvente do Cisne contra o Eón Horneo Alicante (33-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne xogará na casa o pase á fase final do Campionato de España Xuvenil
Por Redacción |
-
Emocionante homenaxe do Cisne a Pablo Picallo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Importante vitoria do Cisne ante o Ibiza para asaltar os postos de play-off (29-24)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Triunfo balsámico do Cisne en Alcobendas (28-31)
Por Almu Dapena |
-
Reparador triunfo do Cisne en Oviedo para reengancharse á pelexa polo play-off (30-33)
Por Diego Espiño |