Ponte Muíños prepárase para o Campionato de España Infantil e Júnior de natación
Por Diego Espiño
O Complexo Deportivo Rías do Sur prepárase para acoller, dende este xoves 27 de febreiro e ata o domingo 2 de marzo, o Campionato de España Infantil e Júnior de natación.
A cita, presentada oficialmente este luns, reunirá en Ponte Muíños case 700 deportistas de 192 clubs da xeografía española.
O nivel de participación será alto segundo recoñeceu o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena, nun momento no que este deporte "ha dado un salto importante en España".
Refírese Carpena aos resultado obtidos dende os pasados Xogos Olímpicos pero non só na categoría absoluta, tamén nunha canteira que buscará en Pontevedra a clasificación para poder competir no calendario internacional, no que este ano destaca o Europeo Júnior en Holanda, a Comet Cup Infantil e os Xogos Olímpicos da Xuventude, que se disputarán en China.
En canto á participación local o Club Natación Galaico, ademais de ser o organizador principal do evento, estará representado por sete nadadores.
Así, lograron a marca mímina en categoría infantil Águeda Cons (400 estilos, 800 libres, 400 libres), Nuria Erselle (400 estilos, 100 e 200 costas, 100 e 400 libres), Inés Gómez (200, 400 e 800 libres, 200 costas) e Juan David Hernández (200 e 400 estilos, 200 braza), con Sheila Moldes completando o equipo de relevos para os 4x100 e os 4x200.
Pola súa banda o equipo júnior compóñeno Paula Goyanes (200 e 400 estilos, 200 costas, 200 bolboreta) e Lara Gómez Cortés (800 libres).
A todos eles o presidente do Galaico, José Miguel Cano, lles desexou sorte para "que tengan su semana fuerte y puedan estar arriba mejorando sus marcas".