Carla Fernández e Sandra Entenza, primeiras renovacións para o Arxil 2014-2015
Por Redacción
Dous dos piares da pasada tempada do Arxil continuarán un ano máis no club. A comisión deportiva pechou a continuidade de Carla Fernández e Sandra Entenza, dúas das xogadoras máis importantes do equipo e sobre as que se buscaba poñer as bases para a nova campaña. Ambas as dúas aceptaron a oferta de renovación que lles fixo o club e se converten nas primeiras en facelo.
Para Carla Fernández será a quinta tempada no Arxil. Chegou a Pontevedra procedente do Carmelitas na tempada 2010-2011 e dende entón conseguiu o cariño da afección, especialmente pola súa calidade e honor. Esta tempada xogou unha media de 26 minutos por partido e anotou 80 puntos.
Pola súa banda, Sandra Entenza foi recuperando a súa mellor versión pouco a pouco, dende que hai tres anos regresou dun parón na súa carreira deportiva. ÿ un fiel reflexo da canteira arxilista, xa que pasou por todos os equipos do club, dende o mini ata chegar ao primeiro equipo, e é a xogadora en activo que máis partidos disputou no Arxil.
Ademais destas dúas renovacións, o Arxil avanza que a falta duns pequenos flocos se espera que nas próximas horas o club anuncie a incorporación do seu pivote internacional. Trátase, sinala a entidade, dun cinco de garantías, moi física e de moita envergadura, unha xogadora moi importante nunha selección punteira, coa que o equipo espera poder manter a liña de traballo defensivo da tempada pasada.