O Arxil sácase a espiña da tempada pasada e pecha a fichaxe de Maimouna Diarra
Por Redacción
Era o pivote que o Arxil intentou fichar desesperadamente a pasada tempada, pero cuxos problemas de visado lle impediron incorporarse á disciplina pontevedresa. Solucionado ese trámite, a dirección deportiva do club puido por fin pechar a súa fichaxe. A senegalesa Maimouna Diarra, procedente do ASCVD de Dakar, é a elixida para reforzar o xogo interior do equipo que dirixe Mayte Méndez.
Maimouna Diarra, de 23 anos, mide un metro e 96 centímetros. De constitución moi atlética, é unha xogadora moi agresiva, tanto en defensa coma en ataque. Xogou recentemente con Senegal no campionato africano, co que finalizou en terceira posición. Alcanzou oito minutos, catro puntos e tres rebotes por partido. As súas mellores actuacións foron os seus trece puntos ante Zimbabwe e os seus dez puntos ante Exipto.
Segundo destaca Lino Vázquez, a senegalesa é unha xogadora que destaca pola súa grande envergadura e a súa capacidade de intimidación, "é unha xogadora moi nova con moita capacidade de mellora". Nesta tempada foi nomeada MVP do All Star da liga de Senegal, unha das mellores do baloncesto feminino africano.
O acordo con Diarra remóntase ao pasado mes de xaneiro. O club puxera os seus ollos nela para paliar a marcha da xamaicana Tajay Ashmeade, pero problemas co seu visado fixeron inviable a súa incorporación naquel momento. Ao final chegou Minata Keita no seu lugar, pero dende o Arxil aseguraban xa entón que traballarían para poder incorporala de cara á próxima tempada, como así foi finalmente.
Relacionadas:
-
Dous equipos vascos, principal novidade para o Arxil na nova tempada da Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Nova renovación no Arxil: María González Centeno seguirá no club unha tempada máis
Por Redacción |
-
María Lago renova polo Arxil e convértese na cuarta xogadora da próxima tempada
Por Redacción |
-
Carla Fernández e Sandra Entenza, primeiras renovacións para o Arxil 2014-2015
Por Redacción |
-
O Arxil logra a continuidade de todo o seu cadro técnico
Por Redacción |