Nova renovación no Arxil: María González Centeno seguirá no club unha tempada máis
Por Redacción
Cinco xogadoras ten xa o Arxil para a tempada 2014-2015. A última en sumarse ao novo proxecto deportivo do club é María González Centeno, que aceptou a oferta de renovación que lle presentou a entidade. Será a segunda campaña da xogadora viguesa no equipo pontevedrés, ao que chegou o verán pasado procedente do Celta de Vigo.
Segundo destacan os responsables deportivos do Arxil, María González foi un dos piares do equipo dirixido por Mayte Méndez durante a pasada tempada. A súa versatilidade no xogo fixo que fose, xunto con María Lago, Carla Fernández e as pivotes estranxeiros, clave no bo rendemento deportivo do club. Alcanzou nove puntos e case cinco rebotes por partido, nos que xogou de media uns 27 minutos.
A viguesa foi unha das xogadoras "que se meteu o público do Arxil no peto pola súa entrega e pola súa forma de xogar", sinala Lino Vázquez. Por iso, na dirección deportiva do club están convencidos que pode mellorar as súas prestacións tanto en ataque coma en defensa e axudar ao equipo a seguir crecendo na categoría.
Con esta renovación, o Arxil xa ten cinco xogadoras para a próxima tempada: Carla Fernandez, Sandra Entenza, María Lago, María González Centeno e Maimouna Diarra. Seguen mantendo conversacións coas xogadoras que faltan por renovar e están a sondar o mercado en busca da 'catro' que acompañe á senegalesa nesa posición, contando que a outra xogadora sexa a canteirana Fany López.
O club traballa para pechar o equipo canto antes. O 1 de setembro dará comezo a pretempada, na que intentarán xogar amigables en Portugal e onde o principal reto será a disputa da Copa Galicia.
Relacionadas:
-
Dous equipos vascos, principal novidade para o Arxil na nova tempada da Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Cristina Díaz-Pache seguirá un ano máis no Arxil ao aceptar a renovación ofrecida polo club
Por Redacción |
-
María Lago renova polo Arxil e convértese na cuarta xogadora da próxima tempada
Por Redacción |
-
O Arxil sácase a espiña da tempada pasada e pecha a fichaxe de Maimouna Diarra
Por Redacción |