Un Teucro entre algodóns recibe o complicado Alcobendas na súa volta á competición
Por Diego Espiño
"Es un partido para estar alerta. Después de sólo dos semanas de entrenamiento es una incógnita cómo rendiremos". Son palabras de Quique Domínguez, adestrador do Teucro, ante a visita do Alcobendas ao Pavillón Municipal dos Deportes (sábado 20:00 horas).
Non se fía o técnico azul dun rival perigoso, "que defiende extraordinariamente bien con un 3-2-1" e que "ha progresado" dende un inicio irregular de liga.
O principal problema para o conxunto teucrista é o estado físico dalgúns dos seus xogadores e que provocará que "la zona central de la defensa se resienta un poco y también las rotaciones en ataque", recoñeceu Domínguez.
Ademais de César Armán, Carlos Pombo é baixa segura por un problema no dedo maimiño da súa man esquerda que lle obriga a levalo entalado.
Pola súa banda Marcos Dorado, cunha inflamación no xeonllo, está case descartado, posto que o domingo se someterá a unha resonancia magnética "para conocer si hay algo más que una contusión", mentres Víctor Rodríguez será dúbida ata o quecemento a causa dun golpe sufrido no amigable ante o Granollers e que lle impediu adestrarse durante a semana.
Con estes ingredientes preséntase un "partido que va a ser a cara de perro", segundo recoñece Gonzalo Carró, que valora os madrileños cun equipo que "lucha los 60 minutos".
Por iso o xogador teucrista pide o apoio da afección, á que considera clave para empezar o ano gañando e consolidando o liderado da División de Honra Prata.