'Los últimos de Pasarón', un libro de Xabier Fortes para comezar os actos do 75 aniversario do Pontevedra
Un libro "salido del corazón", unha crónica sentimental salpicada de fotografías e anécdotas relacionadas co Pontevedra. Así describe o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, Los últimos de Pasarón, un relato "íntimo y personal" das súas vivencias como socio e afeccionado do club e que inclúe tamén "historias que oí en los bares y tabernas" en relación co equipo dos seus amores e que, asegura, "necesita más cariño por parte de todos".
Trátase, dixo, dun relato de cen páxinas que comeza co primeiro partido que viu en Pasarón, en xuño de 1976. Entón tiña dez anos e o seu pai estaba encarcerado por motivos políticos. Acompañouno un familiar, aproveitando que a entrada para os nenos era gratis e foi testemuña dun paso importante para o ascenso a Segunda División, ratificado a semana seguinte contra o Celta de Vigo.
Nunha especie de "elipsis", como a definiu o propio Fortes, a narración das súas vivencias "en clave canalla, divertida y disparatada" conclúe co último ascenso a Segunda División. Con todo, antes de editar o libro decidiu escribir un epílogo que inclúe a Roelio e a súa elección como a mascota máis fea do fútbol e o último ascenso do club, o logrado a pasada tempada a Segunda B xa con Lupe Murillo como presidenta.
O libro, maquetado por Kiko Dasilva e autoeditado por Fortes, poderase adquirir a un prezo de 9,90 euros nas librerías pontevedresas. Conta ademais co prólogo do xornalista Alfredo Relaño, director do Diario AS, que acompañará ao pontevedrés na súa presentación.
ACTOS 75 ANIVERSARIO
A presentación deste libro, que terá lugar este venres 16 de outubro ás oito da tarde no Sexto Edificio do Museo, é o primeiro acto que se enmarca, segundo destacou a presidenta do Pontevedra, na ampla programación coa que a entidade celebrará en 2016 o 75 aniversario da fundación do club. Incluirá unha serie de eventos, actos públicos, encontros deportivos e cerimonias para festexar con "ilusión" esta efeméride.
O propio Xabier Fortes será o presidente da comisión que se vai a crear para coordinar toda esta programación. El é, segundo Lupe Murillo, unha persoa que "conoce la historia del club" e é un socio que "siempre está". Xunto a el, estarán os socios Fredi Montero e Ana Alonso, e dous membros do consello de administración, Manuel Ruibal e Juan Abal.
Ademais, contarán co asesoramento de figuras destacadas da historia do Pontevedra como Tito Estévez, xogador da época do Hai que roelo, Ceresuela ou Miguel Domínguez, ex presidente da entidade.
Todos eles, dixo a presidenta do club, "achegarán moito para que os actos sexan de interese e teñamos unha posición de relevancia neste aniversario". Neste sentido, Fortes destaou que agardan que sirva tamén como homenaxe para "todos los que han hecho posible que el club cumpla 70 años".
Relacionadas:
-
Xabier Fortes, premio Ondas ao mellor presentador de televisión
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A Playlist: Fai un Fortes de carallo!
Por Marisa Ciordia |
-
O Pontevedra presenta o calendario de actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra negocia un triangular con Celta e Deportivo dentro dos actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |
-
Fe Seguros, novo patrocinador para a camiseta do Pontevedra
Por Diego Espiño |