Pablo Rey leva ao Cisne á segunda rolda de copa eliminando ao Grupo Covadonga (31-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non foi un bonito partido, pero tivo emoción ata o final. Parecía que nin Cisne nin Grupo Covadonga desexasen realmente seguir adiante na Copa do Rey. Os asturianos chegaron a Pontevedra con 12 xogadores xustos e o conxunto local afrontaba o partido con tres baixas de peso, as de David Chapela, por lesión, Pablo Galán, cunha inoportuna gripe, e Andrés Sánchez, ausente por estudos.
A pesar dos erros e ao xogo dos visitantes, aburrido pero efectivo, o Cisne superou o mal inicio de partido, nuns minutos finais nos que por fin puido realizar o seu xogo, con velocidade na circulación de balón, atopando no extremo Pablo Rey ó seu xogador clave para levar a vitoria.
Os brancos foron a remolque toda a primeira parte, lastrados por uns malos minutos iniciais, nos que acumularon tres perdas de balón e falta de tensión en defensa. Como consecuencia, o conxunto asturiano conseguiu unha vantaxe de catro goles nos primeiros once minutos de xogo, que foi administrando sen problemas ata case o descanso.
Se a defensa non funcionaba, en ataque os pontevedreses notaban especialmente as ausencias de David Chapela e Andrés Sánchez, o primeiro reservado para previr un posible empeoramento dos seus problemas de nocello, e o segundo ausente por estudos en Eslovenia, que non volverá ao Cisne ata o mes de decembro.
Con todo, como os asturianos cargaban o peso da portería sobre Adrián, deixando que Jorge Martínez saíse unicamente para os sete metros, o paso dos minutos permitiu aos de Jabato reaccionar. Fixérono primeiro cun parcial de 4-0 que lles meteu no partido (12-13) no minuto 22, para volver ceder (13-16) e dar outro paso adiante cun novo parcial de 4-1 nos últimos minutos do primeiro tempo, para chegar ao descanso con todo por decidir (17-17).
A segunda parte transcorreu nunha sucesión de empates e vantaxes mínimas para un e outro equipo. Grupo Covadonga seguiu co seu xogo lento, mesmo aburrido, rozando o pasivo en cada ataque, porque o Cisne non lograba asentar o seu defensa e sufría en ataque, cunha primeira liña que non atopaba tampouco posicións claras de lanzamento.
A falta de tiro exterior, os brancos agarrábanse aos seus extremos, especialmente Pablo Rey, que realizou un partido case perfecto cun só erro e nove goles de dez lanzamentos, especialmente os que resolverían o partido nos minutos finais.
Todo se decidiu nos tres últimos minutos. Con 28-28 no marcador, Pablo Rey finaliza polo extremo poñendo por diante ao Cisne. Paraja empataría a continuación para os asturianos, para que de novo Pablo Rey faga o 30-29 nunha gran acción circulando de extremo a extremo. Quedaba un minuto. No ataque visitante Alexis comete un grave erro, perdendo o balón e tras un tempo morto de Jabato para preparar xogada, Miguel Simón aproveitou a defensa adiantada do Grupo para penetrar ata os seis metros e sentenciar o partido.
BM CISNE LOS SAUCES (31): Toño Lafuente; Adrián Menduiña, Álex Chan (3), Pablo Picallo, Carlos Pombo (1), Iago Cuadrado, Pablo Gayoso (2) -sete inicial-, Javier Pontanilla (p.s.); Xosé Canedo (6, 1 de penalti), Fabián González (2), Miguel Simón (1), Javi Vázquez (4, 2 de penalti), Pablo Rey (9), Pepe Camiña, Alejandro Conde e Guille Rial (3, 1 de penalti).
GRUPO COVADONGA (29): Adrián; Pablo, Samuel (10, 3 de penalti), Marcos (1), Alexis (6), Paraja (4), Carlos Prendes (4) -sete inicial-, Jorge Martínez (p.s.); Chino, Ale Santos, Jano (2) e Víctor (2).
Árbitros: Juan Manuel Vinagre Vázquez (Estremadura) e Pablo García Sánchez (Andalucía). Excluíron dous minutos a Adrián Menduiña, Pablo Gayoso, Carlos Pombo e Xosé Canedo, polo Cisne, e a Jano, Carlos Prendes, Alexis e Paraja, polo Grupo Covadonga.
Marcador (cada cinco minutos): 2-4, 4-7, 6-10, 10-13, 13-16, 17-17 (descanso), 19-19, 22-21, 23-23, 25-26, 27-28 e 31-29 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Primeira eliminatoria da Copa do Rey. Uns 100 espectadores. O Cisne clasifícase para a segunda rolda copeira, na que se enfrontará ao conxunto de Asobal, Ciudad Encantada, tamén a partido único en pista pontevedresa.
Relacionadas:
-
Excesivo castigo do Barcelona a un digno Cisne que cede na segunda parte (28-35)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Sete minutos de seca ofensiva levan o Cisne á derrota en Alcobendas (36-31)
Por Redacción |
-
O Cisne inicia en Alcobendas a súa semana máis complicada
Por Diego Espiño |
-
O Cisne, pletórico de moral antes de empezar o "Tourmalet"
Por Diego Espiño |
-
O Cisne vence e convence nun gran partido ante Alarcos Ciudad Real (29-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Teucro e Cisne buscan o seu segundo triunfo da tempada
Por Diego Espiño |