Juan Figueiro, atleta veterano da Gimnástica: "eu vou morrer como Errol Flynn, correndo"
Por Diego Espiño
O atletismo cruzouse na súa vida cando tiña 17 anos tras unha carreira na que se apuntou case por casualidade e na que terminou segundo. "Ese día fichoume a Gimnástica", recorda Juan Figueiro (O Grove, 1950), policía local xa xubilado que é historia viva dos case 90 anos do club pontevedrés e para quen o deporte "o significou todo". Campión de España en 1972, móstrase orgulloso de todo o vivido e asegura que seguirá correndo ata que o corpo aguante.
- Que significou o atletismo na súa vida?
Significouno todo, porque eu de pequeno era moi delicado. Correr era unha cousa que me gustaba pero non pensaba niso, e no 67 o Anduriña de fútbol organizou unha carreira de debutantes. Eu apunteime e corrín cunhas zapatillas de esparto e todo. Quedei segundo e ese mesmo día fichoume a Sociedad Gimnástica, con 17 anos.
- Por aquel entón, atopaba dificultades para adestrar?
Eu adestraba de noite por aquí, polo Grove e A Toxa, en pantalón de deporte e dicíanlle á miña nai que estaba tolo.
- Non era moi común ver a alguén correndo
Era o único, non había máis. Fun o que abriu a porta. É un orgullo ver agora a xente facendo footing, calquera neno ou calquera home cun barrigolo mortal vai facer deporte.
- Entón fichou pola Gimnástica e comezou a gañar carreiras. Campión galego de 10.000 metros, de 5.000... ata ser Campión de España.
Si, quedei campión de España en Anoeta, en San Sebastián, en 20 quilómetros no ano 72. Para min foi o máximo, e dentro da Gimnástica creo que teño un sitio histórico. Despois funme para a Mariña, a Ferrol, e competindo con eles quedei campión en Cádiz e Cartaxena. Eses anos estaba tamén coa Federación Coruñesa que me levaba a correr por toda España, vivía moi ben. En 5.000 había algún que me podía gañar pero en 10.000 non me gañaba ninguén. Despois estiven un ano no Celta e volvín á Gimnástica.
Juan Figueiro: "É un orgullo ver agora a xente facendo footing, calquera neno ou calquera home cun barrigolo mortal vai facer deporte"
- No 76 entrou na Policía Local, afectoulle para seguir no atletismo?
Non, porque eu entrei no 76 e seguín adestrando ata o oitenta e tantos. Non o deixei de todo.
- Con tantos anos no club, ve moita diferenza de entón ao que é agora?
Home, agora a Gimnástica ten un equipazo. Nós estabamos en Segunda División e agora están en División de Honra, teñen bos equipos e bos corredores, aínda que ás veces son de fóra en 5.000 ou 10.000, pero teñen moita xente nova. Non cabe dúbida que hai moito cambio, para min agora mesmo é o mellor club da provincia, mesmo de Galicia. Pero antes tamén había moito nivel, como un mozo de Pontevedra que era moi bo, Barragáns, e a loita na Gimnástica estaba entre el e eu. Despois estaba Mariano García, e en Pontevedra estaban os mellores atletas de España, porque estaba Álvaro Salgado, Carlos Pérez, Iván Sanmartín... moita xente. Atópome moi orgulloso do club.
- E en todos estes anos, acórdase especialmente dalgunha persoa?
Sen dúbida de José Vidal, o presidente por aquel entón, que foi o que me fichou e débolle todo, porque realmente se non me fichase ese día despois xa non tería seguido.
- Non se tería adicado ao atletismo?
Pois claro que non, se non me fichase non. Gustábame o atletismo pero non sabía nada. Fíxate que cando gañei o primeiro trofeo de atletismo cheguei a casa co trofeo e os meus pais non crían que o gañara eu.
- Esa carreira organizouna o Anduriña, un club que cos anos non puido continuar en solitario. Ten mérito que a Gimnástica vaia a cumprir 90 anos, non cre?
Pois si, pero iso é porque hai unha persoa que vaia ao club e o leva, como era antes Vidal ou é agora o actual presindete, Touza. Sen eles non se faría nada. Eles sacrifícanse, pasan practicamente todo o día alí e fáltalles durmir no club. É xente que o vive.
- Velle futuro ao club por diante?
Claro que se ve, ademais ten agora unha cantidade de mozos novos e mozas que é unha marabilla.
- E vostede seguirá facendo atletismo?
Agora estaba a adestrar para correr este verán unha carreira que se chamaba Maralba, pero tívenme que operar do nariz, por un golpe que levei hai moitos anos e custábame respirar por un lado. Empezoume a afectar para durmir e opereime. Agora empezo outra vez e a ver se consigo adestrar para correr en veteranos e en carreiras oficiais.
- Mentres o corpo aguante?
Si si, eu ata que a morte nos separe, como di o outro. Eu vou morrer como Errol Flynn, correndo, que é o meu.
Relacionadas:
-
Actividades, conferencias e unha cea de gala para celebrar os 90 anos da Gimnástica
Por Diego Espiño |
-
José Luis Vidal: "na miña vida tiven dúas familias, a miña propia e a da Gimnástica"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Martín Brea: "Nestes tempos de PlayStation e fútbol a tutiplén é complicado atraer rapaces para o atletismo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Alberto Salcedo, atleta da Gimnástica: "hai detalles que che din que este club é diferente"
Por Diego Espiño |
-
Ramón Touza: "creo que o futuro da Gimnástica está ben encamiñado"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |