José Luis Vidal: "na miña vida tiven dúas familias, a miña propia e a da Gimnástica"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
É a persoa que máis tempo estivo á fronte da Gimnástica (en catro etapas diferentes) e vive con emoción o inminente 90 aniversario da entidade atlética. Foino todo no club, desde atleta pasando por directivo, secretario e presidente. Toda unha vida dedicada á súa paixón, o atletismo, que asegura "namoroume". El é José Luis Vidal, historia viva do deporte pontevedrés.
- Aínda que o deixou no 95, sabía que segue sendo a persoa que máis anos presidiu a Gimnástica?
Sereino pero non me preocupa moito, o que me preocupa é que realmente a entidade prosiga o seu rumbo inicial, que creo que o está a conseguir. Agora sígoo un pouco máis a distancia, pero estou en contacto coa xente da directiva, con Touza, con Romero...
- Ademais foino todo no club.
Pois mira eu empecei cando se reorganizou a Gimnástica, no ano 51, despois do parón da Guerra Civil e a posguerra. Empezamos a andaina no campo de Pasarón, eu tiña 15 anos e eramos un grupo de pontevedreses, fillos de socios de outrora. Alí xuntabámonos un grupo bastante numeroso e empezamos con clases de ximnasia. Despois de cada clase faciamos atletismo dirixidos polos profesores, como Celso Mariño, e o presidente era Víctor Cervera-Mercadillo, o secretario Victoriano Sanmartín... Ese ano en setembro interviñemos no campionato provincial de infantís en Balaídos e a Gimnástica gañou todas as probas. Despois no 52 xa se interveu no campionato absoluto de Galicia e no 53 conseguiuse o subcampionato.
- Empezouse en Pasarón, pero iso durou pouco.
Pasamos pola nave do Club Naval, que se baleiraba no inverno e utilizabámola. Logo no 53 inaugurouse un ximnasio na rúa General Mola (usouse ata os primeiros anos da décadas dos 60), nun solar que había que cedeu o pontevedrés Manuel Corbal. Iso foi a vida para a Gimnástica, local social e ximnasio. Era sinxelo, non tiña grandes cosas pero si as necesarias e estaba ben dotado. A liña para seguir era primeiro a formación física e logo os campións. Interesábanos máis unha espaldera nun ximnasio que un campión nunha pista.
- Bos principios, cre que ese espírito séguese mantendo?
Séguese na escola de atletismo, que creo que está a actuar moi ben, con tal número de nenos e nenas que acoden ás clases.
- Volvendo ás súas responsabilidades, a primeira vez que foi presidente foi no 66.
Si, un bo día paseando don Víctor Mercadillo pola rúa Michelena expúxenlle as inquietudes da xente, atletas e adestradores, que clamaban por un cambio de directiva, querían xente nova á fronte. Don Víctor comprendeuno e díxome, José Luis vas ter que asumilo ti, e así foi. Pero no 67 colleuno don Antonio Días Lema, que viña exercendo de asesor médico do club, aínda que o deixou un ano despois polas súas múltiples ocupacións. O seu foi un ano bonito porque era o 40 aniversario e o Consello Superior de Deportes concedeu a placa de prata ao Mérito Deportivo, un recoñecemento ao labor de outrora e á traxectoria a pesar das dificultades.
- Despois chegou unha etapa de oito anos ata o 76, outra do 83 ao 91 e a última do 92 ao 95. Cando lle pedían axuda era complicado negarse?
Antes de que o barco afundíse pois me requirían, e eu sempre estiven a bordo e defendendo a nave ata o ano 95, que certamente xa pedín unha substitución. Continuei ata que veu Touza, presentouse como candidato e eu decidín deixalo, algúns o interpretaron como unha dimisión pero eu cumprira o meu mandato e creo que foi suficiente. Unha entidade non pode vivir sempre da mesma persoa.
- Seguiu colaborando?
Non, ao principio un pouco pero había bo respaldo, con Touza estaba Juan Romero, Gonzalo Méndez e unha serie de personaxes na directiva moi bos, e a entidade ademais quedou plenamente saneada, deportivamente estaba ben estruturada e non había débedas. O momento foi propicio.
José Luis Vidal: "Creo que o meu paso pola Gimnástica foi leal, de total entrega e desde logo con total desinterese"
- Despois de tantos anos emocionouse ao deixalo?
Foi un gran cambio. Na miña vida tiven dúas familias, a miña propia e a da Gimnástica. Foi algo que a min namoroume, que che vou a dicir, namoroume a vida que levei na Gimnástica, e entón todo aquel que comigo conviviu téñolle moito agarimo e moita gratitude que expresar. Creo que o meu paso pola Gimnástica foi leal, de total entrega e desde logo con total desinterese.
- Sentiuse recoñecido por tanto esforzo?
Algúns o recoñeceron e nunha asemblea xeral no 75 concedéronme a medalla de ouro e brillantes do club, a primeira que se concedeu, aínda que me tería gustado que tal distinción fose entregada na miña Pontevedra querida (aproveitouse uns anos despois un campionato nacional de gran fondo na Toxa).
- A Gimnástica vai cumprir 90 anos, prodúcelle orgullo?
Son 90 anos e a min desde logo entusiásmame moito o poder vivir este momento. Fíxese que a Gimnástica estivo a deambular sen local social, na miña casa, no meu comercio... era a secretaría onde despachabamos habitualmente, e creo que é algo que pasa nos clubs amateurs que hai en España adiante e en Pontevedra, en particular nos clubs de atletismo.
- Supoño que é un dos grandes cambios, ve moitos máis entre o atletismo de antes e o actual?
Empezando polos presupostos. Por exemplo moviámonos nunhas 140.000 pesetas cando eu o collín, no ano 66, e agora están disparados. Cambiou todo, cambiou o material deportivo, o que son as zapatillas de competición, as pistas que antes eran de cinza ou terra e agora de tartán, e claro facilita moito o traballo, o bo facer dos atletas e a mellora de marcas, pero todo é costosísimo.
- E tendo en conta iso, velle futuro ao club?
É traballo é diario, o futuro hai que labralo no presente, hai que traballar día a día e de aí virán os resultados. Ten que haber xente responsable e sempre atopamos xente desinteresada pero con moita dedicación dentro do club, e non só refírome a atletas e adestradores, tamén a bos directivos. Hai que manexarse sempre coas posibilidades que un ten. Aquí disponse de moi pouquiño apoio. Como dicía Machado 'caminante no hay camino se hace camino al andar', entón andando, competindo, saltando, lanzando ou correndo conséguense cousas, pero hai que facelo diariamente.
Relacionadas:
-
90 anos de Sociedad Gimnástica, en imaxes
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Saltando na rúa para celebrar o aniversario da Gimnástica
Por Redacción |
-
Actividades, conferencias e unha cea de gala para celebrar os 90 anos da Gimnástica
Por Diego Espiño |
-
Salta na rúa coa Gimnástica de Pontevedra!
Por Redacción |
-
Juan Figueiro, atleta veterano da Gimnástica: "eu vou morrer como Errol Flynn, correndo"
Por Diego Espiño |
-
Martín Brea: "Nestes tempos de PlayStation e fútbol a tutiplén é complicado atraer rapaces para o atletismo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Alberto Salcedo, atleta da Gimnástica: "hai detalles que che din que este club é diferente"
Por Diego Espiño |
-
Ramón Touza: "creo que o futuro da Gimnástica está ben encamiñado"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |