O voleibol é unha das prácticas deportivas en Pontevedra onde máis se evidencia un tópico: o voleibol é deporte de mozas. Dos 69 inscritos o pasado curso nas escolas deportivas municipais, 63 eran nenas e 6 eran nenos. Fisicamente a altura é unha condición que beneficia a práctica, pero tanto para eles como para elas, o resto é coordinación e práctica.
Tres mulleres acompáñannos nas Conversas na Ferrería para falar deste deporte e do Club Voleibol Pontevedra: a súa presidenta, Patricia Valcárcel; Beatriz Vázquez, adestradora dos equipos de base e xogadora senior; e Jessica Veiga, xogadora da categoría xuvenil. Todas se iniciaron na etapa escolar, vinculadas ao colexio Calasancio, xerme da entidade deportiva e que inicialmente era masculino.
Coinciden en que hai que facilitar o acceso a esta práctica para que se xeneralice entre mozos e mozas. Constatan que eles o practican nos meses estivais, na praia; pero o resto cámbiano por outros deportes.
De feito, este verán nas escolas de volei praia que iniciaron en Bueu, Lourido e o Mercantil, a porcentaxe entre sexos foi moi igualado. "Se houbese unhas pistas de acceso público, sería máis fácil que calquera se animara a practicalo todo o ano", apuntan en PontevedraViva Radio.
Estes días ofrecen xornadas de portas abertas para quen queira probar; así que mozos, estades convidados.