"Nunca penso no que perdín senón no que me queda por gañar; non necesito que sexa fácil, só que sexa posible". Así se expresa unha moza de 21 anos quen desde os nove, empezou a practicar loita libre feminina e actualmente ocupa o cuarto posto do ranking nacional da Federación Española de Loita. Clasificación que o ano anterior terminou encabezando.
Ademais de moi nova, é pontevedresa e compatibiliza a súa traxectoria deportiva coa universitaria, esta última tamén no ámbito deportivo. Lydia Pérez Touriño (déixese fóra calquera vinculación con nomes da política galega), lembra na Playlist como entrou a loita libre na súa vida; sendo unha nena que estudaba Primaria no Vidal Portela. Tiña nove anos, con once logrou o seu primeiro metal: o ouro que a colocaba como campioa española escolar. Logo viñeron outros recoñecementos, pero aquel, di, sempre será especial.
No programa de PontevedraViva Radio, conta ademais a estrechísima vinculación familiar coa música. Ela, que recoñece que chegara a suspender Música no colexio, para desilusión do seu pai. El, baixista e o seu irmán - o tío paterno de Lydia -, guitarrista, aos que foi a ver e escoitar innumerables ocasións na súa infancia, cando eles formaban parte das dúas orquestras míticas de Galicia. Agora acode a escoitar a 'Antilia' o grupo no que está o seu tío e onde a súa tía é cantante. Se ata o avó "cando era mozo tocaba o saxofón".
Pero os 'birlos' de Lydia están sobre o tapiz, non sobre os escenarios. E este pasado 2018 foi viaxeiro, aínda que non cos resultados que desexara. Para este 2019 a súa rapidez, intelixencia e resistencia están postos, en primeiro lugar, no Campionato de España sub23, cuxo resultado pode servirlle para a clasificación do Europeo. Aspira a proclamarse campioa de España senior - competición que ademais terá lugar en Santiago de Compostela -. Deste resultado sairá a clasificación para o Europeo Senior e para os Xogos Europeos.