Deputación e Concello de Poio felicitan ao Poio Pescamar Futbol Sala que reivindica un segundo pabillón para o municipio
Por Mónica Patxot & Ramiro Espiño
A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Poio transmitiron este martes a súa felicitación a todo o equipo feminino do Poio Pescamar de fútbol sala, tras o seu ascenso a primeira división nacional, a máxima categoría neste deporte.
No consistorio foron o alcalde, Luciano Sobral e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, quenes recibiron as xogadoras, corpo técnico e a directiva do clube co seu presidente á fronte.
As xogadoras foron agasaiadas con cadanseu ramo de frores e unha metopa co escudo do municipio.
No seu discurso de agradecemento o presidente do clube, Juanjo García Camiña, non deixou pasar a oportunidade de reivindicar a construción dun novo pabillón polideportivo "para que el deporte de Poio pueda seguir creciendo", ainda que dixo ser consciente de que a coxuntura económica non é a axeitada por eso engadiu "no para ahora, pero cuanto antes" pero tendo en conta que no "Poio Fútbol Sala somos doce equipos y tenemos la intención de llegar a quince y no caben".
A construción dun segundo pabillón é unha vella idea a que Sobral xa lle deu voltas hai agora dez anos, o Concello aportaría un 20 ou 30% do coste total porque xa dispuña dos terreos para a construción, que foran cedidos pola comunidade de montes de Samieira, pero logo desbotouse a idea ao non sumar os apoios necesarios para o financiamento.
Nesta ocasión o alcalde colleu o desafío feito polo presidente e aceptou o reto "e dende xa me poño a traballar nesa necesidade. Imos a por el" co que Sobral comezará coa procura das achegas necesarias.
O acto rematou cunha sentida homenaxe, o equipo completo trasladouse ata A Seca ante o monolito que recorda a figura de Miguel Pazos, o concelleiro de deportes de Poio e Patrón maior de Pontevedra, que falecía en outubro do ano 2009 ao ser atropelado nun paso de peóns en Marín. Juanjo García lembrou o moito que lle debe a Miguel Pazos o fútbol sala feminino en toda Galicia.
O Poio Pescamar, fundado no ano 1997, foi un dos pioneiros na práctica do fútbol sala feminino e agora convértese nun referente nacional desta modalidade deportiva.