Vashil Fernández desempata no último segundo e fai gañador ao Peixe ante o Real Murcia (73-71)
Por Redacción
O Peixe recibiu, este sábado, ao Real Murcia Baloncesto co obxectivo de sumar unha vitoria que volvese metelo na competición e continuar, así, vivo ata o final nos play- off. E así o fixeron os pontevedreses. Cun terceiro cuarto inmellorable e un tiro de Vashil Fernández, que entrou en canastra no último segundo, estes lograron impoñerse a un dos equipos máis complicados da categoría, un dos favoritos ao ascenso, na Raña.
Pola súa banda, estes últimos poñen fin a unha fantástica serie de bos resultados que os mantiñan na terceira posición (catro triunfos consecutivos ata o choque en Marín).
O partido comezou, aínda que igualado, de fronte para o cadro local, que apoiado, de novo, en Badmus (18 puntos) e Gregory (20), logrou finalizar o primeiro período cunha pequena vantaxe de dous puntos (16-14). Con todo, durante o seguintes dez minutos, os murcianos conseguirían non só recortar distancias, senón tamén marcharse ao descanso por diante no marcador (27-30). A pesar diso, calquera cousa podería pasar no segundo tempo, xa que a renda visitante non supoñía unha gran diferenza para chegar a darlle a volta ao encontro.
Tras a continuación, os de Javi Llorente volvéronse implacables. Unha gran efectividade de fronte ao aro e un bo traballo no plano defensivo permitiron aos locais superar con autoridade aos seus rivais. Así, despois dun parcial de 24-12, chegaron aos últimos minutos con todo do seu lado (51-42).
Pero os de Murcia gañaron en intensidade e chegaron, por medio dun tiro de Whelan, a empatar o partido a falta de sete segundos para o bociñazo final. Ante o 71-71, o técnico do cadro anfitrión solicitou tempo morto, para dar aire aos seus homes.
Finalmente, un afortunadísimo tiro de Vashil Fernández no último segundo deu a axustada e merecida vitoria ao Peixe (73-71).
A próxima semana viaxarán a Guadalaxara para disputar o penúltimo partido deste ano ante o Basket Azuqueca, equipo que exerceu un duro correctivo sobre os de Llorente o mes pasado.
Relacionadas:
-
O Peixe segue na loita polo ascenso tras gañar o HLA Alicante na casa (91-86)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Peixe recupérase na segunda parte e gaña ao Basket Azuqueca en Guadalajara (75-81)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe dúrmese tras o descanso e cae ante o CB Almansa (81-62)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe é superior no choque directo ante o Básquet Girona na Raña (82-72)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Un aplastante terceiro cuarto condena o Peixe ante o CB Villarrobledo (98-75)
Por Sofía Lorenzo |