María Vilas gaña o bronce nos 5 quilómetros do Nacional de augas abertas
Por Sofía Lorenzo
O equipo de natación en augas abertas do CN Galaico viaxou a Banyoles (Cataluña) para tomar parte, durante esta fin de semana, no Campionato de España da devandita modalidade.
Como punto de partida, aos nadadores do club pontevedrés María Vilas e Cristian Fernández tocoulles abrir a competición coa proba de 5.000 metros absoluto, cada un no seu grupo. Os primeiros en saltar á auga foron os homes, que comezaron a actividade ao redor das 10:00 horas deste venres. A continuación, as mulleres, que fixeron o seu un cuarto de hora despois.
Por unha banda, a ribeirense conseguiu finalizar en terceiro lugar cun tempo de 1:01:35.2, conseguindo o primeiro bronce da cita. Tan só por detrás de Paula Ruíz, do Mairena del Aljarafe, e María de Valdés, do Liceo.
Pola súa banda, non gozou da mesma sorte o seu compañeiro do Galaico, Cristian Fernández, que quedou fóra do podio ao terminar na décima segunda posición cun tempo de 58:26.7. O gañador neste caso foi o murciano Alberto Martínez.
Con todo, aínda queda un día de competición. Ambos os dous nadadores volverán tomar parte este sábado, nesta ocasión, na proba de 10 quilómetros, os dous absolutos. Tamén o farán Carla Goyanes, Álex Lajes, Alicia Bouzas e Pablo Martín, cada un na súa categoría.