Gómez Noya colócase segundo nas Series Mundiais tras ser oitavo en Hamburgo
Por Diego Espiño
A sexta cita da tempada nas Series Mundiais de tríatlon, celebrada este sábado na localidade alemá de Hamburgo, non foi a carreira soñada polo cinco veces campión mundial nesta modalidade, Javier Gómez Noya, pero colocoulle na segunda posición da clasificación xeral a falta de só dúas citas, Edmonton e a Gran Final de Lausanne.
A de Hamburgo presentábase unha carreira complicada para o triatleta galego, ao ser de novo baixo distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), que non é a súa especialidade, e o certo é que o guión se cumpriu.
Gómez Noya mantívose no grupo de cabeza durante boa parte da proba. Fíxoo na primeira transición ao saír da auga e tamén na segunda, ao pasar o control a 3 segundos do líder. Con todo cando a carreira a pé foi avanzando descolgouse lixeiramente ante o forte ritmo de especialistas en distancia curta.
O australiano Jacob Birtwhistle foi finalmente o gañador, repetindo o triunfo que logrou en Leeds, cun tempo de 55 minutos e 9 segundos. A 2 segundos entrou en meta o francés Vincent Luís, prata e novo líder da clasificación xeral, tras verse superado no sprint final, mentres que o terceiro foi o belga Jell Gens co mallorquino Mario Mola cuarto.
En oitavo lugar, un pouco máis atrasado, chegou a liña de meta Javi Gómez Noya (55:34).
Agora a falta de Edmonton (20 de xullo) e Lausanne (31 de agosto), as Series Mundiais están encabezadas por Vincet Luís con 4.125 puntos, por diante de Gómez Noya (3.687 puntos) e Fernando Alarza (3.282 puntos), que se viu afectado por unha caída en Hamburgo. O sexto título segue a ser posible.
Relacionadas:
-
Javi Gómez Noya, terceiro do mundo tras a Gran Final das Series Mundiais
Por Redacción |
-
Gómez Noya abandona as Series Mundiais de Edmonton tras caer da bicicleta
Por Sofía Lorenzo |
-
O adestrador de Gómez Noya é o novo director deportivo a Federación Galega de Tríatlon
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya, Mola, Alarza e Miriam Casillas, entre os deportistas con praza para o Pro Tour de Pontevedra
Por Redacción |
-
Mario Mola, prata nas Series Mundiais en Montreal e Gómez Noya queda fóra do podio
Por Sofía Lorenzo |
-
Gómez Noya e Dapena soben ao segundo e terceiro chanzo do podio do Europeo Ironman 70.3
Por Sofía Lorenzo |
-
Javi Gómez Noya, bronce nas Series Mundiais de Leeds
Por Redacción |