Anna Godoy e Mario Mola, vencedores na espectacular posta en escena do Pro Tour de tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A choiva amagou con chafar a estrea do Pro Tour de tríatlon. Obrigo a concentrar toda a actividade nunha soa xornada, de sábado, pero o certo é que iso terminou por darlle maior emoción se cabe a unha competición que parece que chegou para quedar.
Pontevedra respondeu unha vez máis á chamada deste deporte, e sobre todo durante a tarde coas finais botouse á rúa para gozar dos grandes especialistas nacionais.
O Pro Tour comezou en horario matinal coa disputa das semifinais, dúas femininas e dúas masculinas, todo eles en formato supersprint (250 m. de natación, 7’2 km. de ciclismo e 1’7 de carreira a pé). Pasaban os 10 mellores de cada carreira máis 4 tempos (24 en total por categoría) e o certo é que houbo poucas sorpresas. Preto estivo de protagonizala o invitado de honra á proba, o galego Iván Raña, primeiro campión mundial da historia do tríatlon nacional e que non se clasificou por un suspiro. O resto, incluído o ídolo local Gómez Noya, entraron no corte sen problemas e mesmo dosificando forzas.
Pola tarde chegaban as emocións fortes, empezando pola carreira feminina. Dous supersprint consecutivos e dúas eliminacións de deportistas ao final de cada sector. Foi unha final na que non defraudaron as grandes favoritas, cun sprint polo título que pouco tiña que envexar aos vividos nas grandes probas internacionais. Levou a gloria a barcelonesa Anna Godoy, que cazou no tramo final de carreira a pé á neozelandesa con licenza española Anneke Jenkins, quen vendeu moi cara a súa derrota. Só uns metros por detrás despois dunha gran batalla chegaba a xerundense Carolina Routier.
Na proba feminina, a catro veces olímpica Ainhoa Murúa, convidada como Raña pola organización, foi eliminada antes do último segmento da final.
Como colofón chegaba a final masculina, cos 8 coroas mundiais que supoñían a presenza de Javi Gómez Noya e Mario Mola, ademais do nome dos Fernando Alarza ou Antonio Serrat, entre outros.
Tras o primeiro sector de natación Mola, Alarza e Serrat saíron no grupo de cabeza, con Noya un pouco máis atrasado. Custoulle de feito contactar coa cabeza ata a segunda volta do percorrido ciclista pero tras a transición á carreira a pé fixo de novo a goma. Non foi ata a auga cando volveu contactar, e é que non dixera a última palabra.
O corte co resto de aspirantes abríase, e na cabeza, tras ter Alarza problemas na transición cara á bicicleta, quedaban Gómez Noya, o mallorquino Mario Mola e o vigués Antonio Serrat, con Alarza a 10 segundos. Ben podía ser o panorama dunhas Series Mundiais, pero era o primeiro Pro Tour da Federación Española de Tríatlon e entre eses tres ases estaba o título.
Xuntos chegaron á última transición, na que o cinco veces campión mundial en modalidade olímpica, Javi Gómez Noya, perdeu uns 3 ou 4 segundos moi valiosos con respecto aos seus rivais. Mario Mola, experto corredor, non perdoou a circunstancia e impuxo un ritmo cara o ouro imposible de seguir, tampouco para un brillante Serrat que se fixo coa prata, mentres que Gómez Noya nunha demostración de garra, a pesar de que non era a súa mellor distancia, levou o bronce demostrando que cando pon o mono de competir sempre dá o máximo.
Unha estrea ao grande para unha nova competición cun formato moi atractivo que se completou coa celebración do Campionato de España Contrarreloxo Individual para deportistas de grupos de idade.
Relacionadas:
-
Pontevedra non falla á súa cita co calendario de competicións da Federación Española de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
O ITU Multisport de tríatlon, unha experiencia irrepetible para Pontevedra cun final de conto
Por Diego Espiño |
-
A preparación de Gómez Noya para os Xogos Olímpicos pivotará sobre as Series Mundiais
Por Diego Espiño |
-
Javier Gómez Noya e Iván Raña recibirán a Orde Olímpica do COE
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya vence no Ironman de Malaisia e consegue o billete directo para Hawaii 2020
Por Almu Dapena |
-
Javi Gómez Noya pecha a súa tempada en Malaisia co billete para o Ironman de Hawaii 2020 en xogo
Por Diego Espiño |
-
Unha caída no tramo ciclista deixa a Pablo Dapena sen podio no Challenge Peguera
Por Almu Dapena |
-
A choiva obriga a reformular o Pro Tour de tríatlon, que se concentra nunha intensiva xornada de sábado
Por Diego Espiño |
-
Comezan as restriccións de estacionamento con motivo do ProTour de tríatlon
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Así será o percorrido do Pro Tour de tríatlon que se estrea en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Pro Tour de tríatlon redondea a súa estrea en Pontevedra con tres campións mundiais e un cartel de luxo
Por Diego Espiño |