A "ilusión tremenda" do pontevedrés Alejandro Muñiz no seu debut como árbitro de Segunda División
Por Diego Espiño
Aos seus 28 anos e tras apenas 13 na arbitraxe, Alejandro Muñiz está a vivir a súa primeira campaña na Liga de Fútbol Profesional, nunha Segunda División á que chegou no verán sen facer ruído despois de só cinco tempadas na categoría de bronce e outro máis en Terceira. Faino, asegura, "cunha ilusión tremenda", a de gozar da súa vocación como árbitro e tentar consolidarse na elite.
"O salto nótase, xa os estadios triplican en aforo ou cuatriplican, a velocidade de xogo é maior e é todo moito máis profesional, a outra escala", explica Muñiz a PontevedraViva.
Desde o inicio de curso non parou de arbitrar, empezando pola súa estrea na primeira xornada de liga nun Numancia-Alcorcón, onde "se me pasou o partido voando a verdade", recoñece debido a que "un debut sempre é bonito e ademais nun estadio no que nunca estivera".
O xuíz, que forma equipo con dous asistentes tamén galegos como o vigués Adrián Díaz e o coruñés Fabián Blanco, dirixiu ata a data sete encontros na categoría de prata máis outros tantos a cargo do VAR, o sistema de vídeoarbitraxe. "Unha xornada campo, outra VAR, isto non para e non temos unha fin de semana libre", relata sen queixarse.
O seu próximo partido será este mesmo sábado 9 de novembro (18:00 horas) co Sporting-Numancia, en Xixón. Así llo comunicaron como cada semana a golpe de luns, momento no que comeza un traballo exhaustivo para chegar o mellor preparado posible ao día do choque. "Fago unha chea de horas de scouting dos equipos, de como sacan os córneres, como sacan de portería, se xogan curto ou longo", revela, todo para "chegar alí e que nos sorprendan as menos cousas posibles".
En canto á vídeoarbitraxe "é unha evolución para o fútbol enorme, a tecnoloxía está aí para cubrirnos un pouco as costas e todo o que sexa facer máis xusto o fútbol sempre é positivo", defende.
Alejandro Muñiz é agora, xunto a Javier Iglesias Villanueva, o árbitro referente a nivel galego, un comité territorial que despois de moitos anos non conta representante na máxima categoría. Chegar precisamente a Primeira División algún día "é un soño", recoñece o pontevedrés, pero sempre cos pés na terra pensando que "sendo o meu primeiro ano e sobre todo pola miña idade o obxectivo número ten que ser adquirir experiencia en Segunda División. Levantar a mirada moitos máis arriba pode facer que tropeces", sinala.
O que non provocou a súa chegada ao fútbol profesional é que esqueza aos seus compañeiros do Comité Técnico de Árbitros (CTA) de Pontevedra, onde "se está facendo un traballo moi bo". El de feito segue colaborando no que pode coa formación de novos colexiados. "Poñer o meu gran de area na delegación de Pontevedra é algo que me enche dunha satisfacción tremenda", como tamén o é "ver que a xente que axudaches a empezar están algúns en Preferente ou Terceira División".
Así o di un home que deixou de ser unha promesa da arbitraxe pontevedresa e galega para converterse en toda unha realidade.
Relacionadas:
-
Homenaxe a Alejandro Muñiz tras o seu ascenso a Primeira División
Por Redacción |
-
O árbitro pontevedrés Alejandro Muñiz ascende a Primeira División: "Aún me tiembla todo"
Por Diego Espiño |
-
O pontevedrés Alejandro Muñiz recibe o Trofeo Guruceta ao mellor árbitro da Segunda División
Por Redacción |
-
Un grupo de árbitros protesta polo cesamento de Manuel Vidal Araújo como delegado do CTA de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un "premio inesperado" para Rubén Ferrero, arbitar na fase final da LNFS e a Primeira Feminina
Por Diego Espiño |
-
Un árbitro pontevedrés entre os elixidos para dirixir o playoff de ascenso a Segunda B
Por Redacción |
-
O pontevedrés Alejandro Muñiz, entre a arbitraxe e o seu traballo de Policía en Madrid en plena alerta sanitaria
Por Diego Espiño |
-
O árbitro pontevedrés Alejandro Muñiz ascende á Segunda División
Por Diego Espiño |
-
Dous árbitros pontevedreses ascenden á Segunda B do fútbol español
Por Redacción |