A triatleta Saleta Castro recupera o temón das súas redes sociais logo do asalto dos piratas
Por Manu Otero
Os piratas informáticos tentaron abordar esta semana os perfís de diferentes redes sociais da triatleta pontevedresa Saleta Castro. Despois de bombardeala con mensaxes suplantando a imaxe dos xestores de Instagram, a deportista caeu na trampa, os hackers accederon aos seus perfís, contas de correo e contrasinais. Despois de máis de 24 horas de combate, Castro puido reter todas as súas contas, salvo a de Twitter, que continúa en mans dun pirata de Acerbaixán.
"Agora estou xa máis tranquila", recoñece a triatleta despois da angustia das últimas horas. "Non podo perder a miña conta de Instagram porque teño campañas publicitarias con varias empresas e polos meus seguidores", confesa Castro, que leva desde a declaración do estado de alarma en marzo sen recibir ingresos polo seu traballo dada a suspensión de todas as competicións deportivas a nivel internacional.
HACKED İNSTAGRAM ACCOUNT pic.twitter.com/TmP9zcsAfg
— Hacked Acoount (@saletacastro) August 11, 2020
O ataque comezou a través de mensaxes directas a través de Instagram instando a deportista a verificar a súa conta e contrasinal por razóns de seguridade. Despois de ignoralos, o pirata logrou contactar con ela a través de Whastapp. "Fieime e contestei", recoñece Castro o seu erro, que foi remitirlle un código pin enviado ao seu teléfono para restablecer a súa conta.
Inmediatamente, a especialista en probas de longa distancia accedeu a todos os seus perfís para cambiar os seus datos persoais e de seguridade. Pero xa era tarde porque o hacker lograra acceder xa non só aos seus perfís de Instagram e Twitter, tamén a Facebook, ao seu correo electrónico e mesmo, sospeita Castro, aos datos da súa tarxeta SIM do móbil.
"Estiven todo o intre cambiando os contrasinais porque me seguían chegando correos alertando de que alguén estaba a acceder ás miñas contas. Ata restablecín os axustes de fábrica do móbil e solicitei un duplicado da tarxeta SIM", explica.
Despois de conseguir restablecer todos os seus datos, cambiar todos os seus contrasinais e implantar cortalumes e alertas para detectar novos intentos de acceso desde dispositivos descoñecidos, Saleta Castro respirou tranquila. Aínda que non do todo porque a súa conta de Twitter segue perdida. "Estou a esperar a que a compañía me diga algo", lamenta.
Tampouco a Policía Nacional puido facer nada por repeler o ataque. "Fun á comisaría e dixéronme que eles non podían facer nada nese momento" confesa a triatleta que está a recompilar todos os datos rexistrados de acceso aos seus perfís para achegalos á denuncia que planea presentar este venres diante das autoridades competentes.
Superado o susto, Saleta Castro lanza unha mensaxe de precaución a todos os usuarios destas redes. "Pódenos pasar a calquera, as contas de email teñen moita información persoal nosa, hai que protexelas porque poden facerse cos nosos datos bancarios ou a dirección das nosas casas. Hai que darlle importancia", remarca sen saber con exactitude por que se converteu no albo dun ataque deste tipo. "Sei que están máis pendentes das contas verificadas, as do check azul, e con moitos seguidores", razoa.
VOLTA Á COMPETICIÓN EN PONTEVEDRA
O ataque pirata sorprendeu á triatleta pontevedresa en plena preparación para a volta á competición. Non será a súa especialidade, pero si na súa casa, debido a pois participará no Campionato de España de Tríatlon Sprint que se celebrará en Pontevedra os días 22 e 23 de agosto. "É unha distancia moi curta así que agora estamos a facer adestramentos máis explosivos", explica.
A pesar das ganas por volver a unha competición, a situación sanitaria e o medo a un posible contaxio preocupa moito a Saleta Castro. "Non sei ata que punto é necesario esta competición, van vir nenos e tamén pais", expón con certa angustia. Con todo, a blindaxe da sede, a calidade e experiencia organizativa demostrada por Pontevedra e a realización de probas PCR a todos os triatletas de categoría elite tranquiliza á competidora. "Se se adoptan as medidas que se deben, paréceme xenial que retomemos a competición. Pero se hai que cancelalo, que se cancele", conclúe a campioa de España de longa distancia.
Relacionadas:
-
RADIO.- Estas mulleres demandaron ao xigante tecnolóxico Meta
Por Redacción |
-
Saleta Castro debuta na Titan Desert con podio e unha experiencia "brutal"
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro vence nun tríatlon de distancia olímpica 11 meses despois da súa última competición
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro cambia o Nacional Sprint de Pontevedra pola Alps Epic, unha proba de resistencia nos Alpes
Por Diego Espiño |
-
Sen público e con circuíto pechado pero coa emoción de sempre: Pontevedra presenta o Nacional Sprint de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
Iván Raña e Tamara Gómez encabezan a lista de rexistrados para o Campionato de España de Tríatlon de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Javi Gómez Noya e Saleta Castro participan nunha travesía a nado solidaria en Oleiros
Por Redacción |