A análise dos rivais de Segunda B, un pouco máis fácil
Por Redacción
O Pontevedra Club de Fútbol, do mesmo xeito que o resto de equipos da Segunda División B, terá a partir de agora un pouco máis de facilidades á hora de analizar os seus rivais.
Para este labor, nos últimos anos o vídeo consolidouse como unha ferramenta clave para os adestradores e resto do equipo técnico, utilizando diferentes aplicacións e sistemas para rendibilizar ao máximo os seus datos.
Agora a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciou un acordo coa empresa tecnolóxica Instat para prover a clubs, e ao propio ente federativo, de gravacións técnicas de todos os partidos da categoría de bronce, ademais da Primeira e Segunda División Feminina e da Primeira e Segunda División Masculina de fútbol sala. Contarán tamén con informes detallados por especialidades.
Segundo explica a Federación, todos os clubs terán acceso a varias contas de uso dos servizos, un acceso que se dará á súa vez ás seleccións nacionais e ao Comité Técnico de Árbitros.
O acordo entre a RFEF e Instat terá unha duración de cinco anos.