O líder Pontevedra salva a vitoria despois de dominar a un combativo Celta B (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O Pontevedra segue empolicado aos postos altos da clasificación despois de conseguir o seu primeiro triunfo como local fronte ao Celta B. Fíxoo despois de ofrecer os mellores minutos do que vai de tempada ao comezo do segundo tempo e de sufrir como deben facelo os gañadores nos instantes para amarrar tres puntos vitais. Eneko Zabaleta, autor do tanto da tranquildad, volveu brillar na banda esquerda tanto en labores ofensivos como defensivas dun Pontevedra que aínda ten unha ampla marxe de mellora.
O dominio do xogo e o que máis ganas mostraba por desnivelar a balanza foi o Pontevedra nos primeiros minutos de partido. Pero houbo que esperar máis de cinco minutos para presenciar o primeiro achegamento con perigo a algunha das áreas. Imanol foi o protagonista ao disparar desde a frontal da área despois de cazar un rebote tras un centro da dereita que se estrelou na muralla celeste.
Tiñan claro o camiño cara ao gol os granates. Balón cruzado ás costas da defensa para que Charles ou Rufo prolonguen e aparecesen Oier pola dereita ou Álex González pola esquerda para centrar o balón á área. Así chegou tamén o segundo achegamento á meta defendida por Sequeira con, outra vez, Imanol como protagonista, aínda que esta vez o balón quedou morto na área pequena. Alí apareceu Rufo para empuxar o balón ao fondo da rede. Ía celebrar xa o seu primeiro tanto da tempada, pero apareceu a bota de Sequeira para evitar o tanto.
Estaba cómodo o Pontevedra, que antes de cumprirse o minuto 10 volveu estar a piques de adiantarse. Unha falta mal sacada permitiu aos de Jesús Ramos saír como lobos ao contragolpe. Conduciuno Eneko a toda velocidade pola esquerda, cedeu para Oier cuxo centro acabou nos pés de Imanol, que puxo o balón na cabeza de Charles. Pero outra estirada de Sequeira, o auténtico protagonista dos celestes no primeiro tempo, frustrou a ocasión, aínda que de entrar o tanto non subiría ao marcador porque o asistente tiña o banderín levantado sinalando fóra de xogo.
Non se rendeu o Pontevedra, que volveu ter outra opción de adiantarse a través dun tiro raso desde fóra da área de Álex González que se foi fóra por centímetros.
Con todo, foron os celestes os que tiveron a oportunidade máis clara de adiantarse na súa única chegada con perigo á área granate. Foi Iker Losada, que xa sabe o que é marcar en Primeira División, o que puxo un balón envelenado ao momento de penalti. Alí apareceu libre de marca Solís para estrelar o seu remate centrado no corpo de Mario. Volveu caer o balón morto nos pés do dianteiro, que aínda se pregunta de onde saíu a man dun batido Mario Fernández para salvar ao Pontevedra.
Custoulle dez minutos aos de Ramos recuperarse do susto. Pero cando o fixeron volveron subir o ritmo do partido coa xa clásica receita ofensiva que os rivais comezan a saberse de memoria. Tívoa Zabaleta á media hora tras unha combinación con Rufo dentro da área, pero o seu disparo despexouno Sequeira sen problemas.
Polo lado contrario, Aitor Núñez tamén se sumaba ao ataque. Seu foi o centro que non alcanzou a rematar Rufo por centímetros. E aos poucos minutos, Oier Calvillo volveu ter na súa cabeza o tanto, pero Sequeira apareceu de novo.
Non atopaba o Pontevedra o gol que tanto buscaba ata que, nun novo contraataque, conducido maxistralmente por Oier Calvillo que baixou con clase un balón das nubes, para ingresar na área e cederlle un caramelo a Álex González que colocou na escuadra de Sequeira que está vez non puido facer nada por evitar o merecido tanto local.
Fóronse os granates con vantaxe ao vestiario e nada máis comezar a segunda parte duplicaron a súa vantaxe. Un córner sacado raso ao primeiro pau por Adrián Cruz, chegou morto á frontal da área despois dun mal despexe da defensa celtista. Alí apareceu Zabaleta para pegarlle un zurdazo ao balón que entrou como un obús na portería de fondo norte, para delirio do lateral granate que anota o seu primeiro gol coa camiseta do equipo de Pasarón.
A vantaxe deu tranquilidade ao Pontevedra, que co marcador a favor ofreceu aos 300 espectadores que se refuxiaban da choiva nas bancadas de Pasarón a súa mellor versión. Dominaban o xogo, presionaban arriba ao Celta B, que non lograba aguantar o balón e buscaban a sentenza á contra. Así a tiveron tras unha exquisita combinación entre Charles, Eneko, Álex e Calvillo, que o extremo non soubo resolver. Tamén a balón parado tívoa Xisco, pero a súa volea estrelouse nas costas dun defensor celeste.
Tivo que mover o banco Onésimo en busca dunha reacción. Acumulou atacantes o filial celtista e aos poucos foron levando o perigo á meta granate. Lautaro, que entrou polo lesionado Manu Xusto, plantouse varias veces diante de Mario, pero, presiando, non acertou nos remates.
Mentres tanto, o Pontevedra esperaba acazapado para cazar un contraataque. Como o que lanzou Charles tras un córner mal sacado polos celestes. Recibiu o balón o brasileiro, tirou un caño e púxolla de exterior ao espazo a Oier. O extremo cedeu a Rufo, que non se atreveu a lanzar e acabou perdendo o balón.
O partido era un correcalles sen ningún tipo de control. E así conseguiu recortar diferenzas o Celta. Saíron á contra pola súa esquerda, recibiu Bruninho no pico da área e disparou con efecto para aloxar o balón na escuadra e poñer dos nervios a todo Pasarón a falta de 10 minutos para o final.
Seguiu tentándoo o Celta B con máis corazón que cabeza, pero o Pontevedra soubo sufrir e non volveu conceder ocasións ao seu rival, que o tentou á desesperada en último córner que desbaratou Churre xogándose a cara ao lanzarse en ferro para despexar o balón. Pitou o árbitro e Pasarón estalou en aplausos de alivio e alegría cara a un equipo que gaña, ilusiona e tamén loita.
PONTEVEDRA CF (2): Mario Fernández, Aitor, Churre, Xisco Campos, Eneko Zabaleta, Imanol (Romay, min.57), Adrián Cruz (Borja Martínez, min.82), Álex González (Jorge Fernández, min.57), Oier Calvillo (Óscar Fernández, min.76), Charles, Rufo.
CELTA B (1): Sequeira; Mangana (bruninho, min. 57), Lucas, Ferrarés, Pampín (Raúl Blanco, min. 57); Markel, Holsgrove, Alfon, Iker Losada (Cissé, min. 75); Solís (Josipovic, min. 75), Manu Justo (lautaro, min. 51)
Árbitro: García Riesgo, auxiliado en las bandas por Isusi Iglesias y Marinero Noval (Asturias). Amonestó a Álex Gonzalez, Imanol y Adrián Cruz por parte del Pontevedra; y a Bruninho, Cissé y Alfon, del Celta B.
Goles: 1-0, Álex González, min. 39. 2-0, Zabaleta, min. 46. 2-1, Bruninho, min. 81.
Incidencias: Partido da terceira xornada de liga en Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón con asistencia limitada a 300 espectadores por motivo das restriccións sanitarias.
Relacionadas:
-
Épico monólogo do Pontevedra, que volve ser líder (2-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Álex González, granate do mes
Por Manu Otero |
-
Dous goles anulados evitan o triunfo en Zamora dun Pontevedra que xogou unha hora en superioridade (0-0)
Por Diego Espiño |
-
A primeira defensa do liderado para o Pontevedra pasa polo "muy combativo" Zamora
Por Diego Espiño |
-
Romay, cun problema muscular, baixa do Pontevedra para o seu desprazamento a Zamora
Por Diego Espiño |
-
O Zamora poderá finalmente dar cabida a 1.135 dos seus socios no partido contra o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Aguirrechu, segundo adestrador do Zamora, ve o Pontevedra como "uno de los mejores equipos de la categoría"
Por Redacción |
-
O partido entre Zamora e Pontevedra no Ruta de la Plata disputarase con público nas bancadas
Por Diego Espiño |
-
A análise dos rivais de Segunda B, un pouco máis fácil
Por Redacción |
-
Moito máis que goles: os intanxibles de contar con Charles e Rufo
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra líder da Segunda B doce anos despois
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos: "Gustaríanos estar líderes na última xornada, estalo agora é anecdótico"
Por Manu Otero |
-
Experiencia granate fronte a bisoñez celeste
Por Manu Otero |
-
Un gris Pontevedra salva un punto de penalti fronte a Unionistas (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Tres puntos para comezar. Un sólido Pontevedra inicia a liga cunha traballada vitoria en Ferrol
Por Raúl Salgado |