O fútbol autonómico e de base pon data para o seu regreso: finais do mes de xaneiro
Por Redacción
Nove meses despois de que a irrupción da pandemia obrigase a paralizar as competicións, a Real Federación Galega de Fútbol puxo data para o regreso das competicións de ámbito autonómico e de base, tras aprobar a Xunta de Galicia os seus protocolos de volta á actividade.
Será un regreso graduado en tres bloques co obxectivo de reducir os riscos de contaxio e coa intención de permitir unha pretempada de aproximadamente cinco semanas.
No primeiro nivel activaranse as competicións de carácter autonómico de fútbol, fútbol sala e fútbol base, é dicir:
- Fútbol: Preferente, Primeira Galicia, Primeira Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil.
- Fútbol sala: Preferente, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Alevín.
- Fútbol Gaélico: Liga Galega.
Estas competicións, avanza a Federación, quedarán activadas de inmediato, polo que está previsto que o seu comezo se poida levar a cabo entre o 24 de xaneiro e a primeira semana de febreiro, a condición de que o permita a situación sanitaria.
En canto ao segundo nivel activaranse as demais categorías sénior, así como as provinciais e locais de xuvenís, cadetes e infantís de fútbol, mentres que en fútbol sala quedará todo activado nesta segunda fase coa previsión de poder iniciar a actividade durante a segunda quincena do mes de febreiro.
Por último no nivel 3, a finais de febreiro, prevese a posta en marcha do fútbol-8.
TEST DE COVID CADA 14 DÍAS
As categorías sénior (masculina e feminina) e a liga galega xuvenil de fútbol deberán realizar un test serolóxico, de antíxenos ou similares como medida de prevención contra a Covid. Esta esixencia abarca tanto os adestramentos como os partidos, sendo obrigatorio o uso de máscara en todas aquelas situacións antes, durante e despois dos adestramentos e dos partidos que non requiran contacto físico, seguindo as directrices do protocolo aprobado pola Xunta.
Todas as demais categorías de fútbol base e todas as competicións de fútbol sala e gaélico deberán adestrar e xogar con máscara, segundo avanza a Real Federación Galega de Fútbol.
PLAN DE COMPETICIÓN PARA UNHA TEMPADA REDUCIDA
O fútbol autonómico adaptarase tamén a nivel competitivo á situación derivada da pandemia, polo que traballa na adaptacións de plans para unha tempada de poucos meses e tendo en conta a situación económica dos clubs. Por iso se aposta pola división en máis grupos dos habituais e seguindo criterios de proximidade xeográfica para minimizar os desprazamentos. Neste sentido, sinalan que se tratou de evitar a celebración de play-offs ou fases de ascenso para non repetir situacións como as da pasada campaña.
Relacionadas:
-
A Preferente iniciarase co 90% de inscritos: Céltiga, Sanxenxo e Portonovo renuncian e o Villalonga xogará
Por Almu Dapena |
-
As instalacións deportivas municipais reabren o 11 de xaneiro para o regreso de fútbol base e afeccionado
Por Redacción |
-
A Preferente, ao 70%: Quince equipos confirman a súa inscrición na liga
Por Redacción |
-
Terremoto no fútbol pontevedrés: Marcón e Vilalonga secundan o Céltiga e anuncian a súa renuncia á tempada 20-21
Por Diego Espiño |
-
O Céltiga renuncia a competir esta tempada "dada a angustiosa situación sanitaria"
Por Diego Espiño |
-
A Federación Galega de Fútbol ponse solidaria coa campaña de Nadal
Por Redacción |