O antigo ximnasio da ONCE contará cunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción
Por Redacción
A Concellería de Deportes investirá 14.734,50 euros extra para reformar o antigo ximnasio da Once e dotar a súa pista polideportiva dunha tarima de madeira de alta durabilidade e resistencia.
Esta mellora non estaba recollida inicialmente no proxecto de restauración integral que Construcciones Ramírez SL acomete dende finais do ano pasado, pero o estado deteriorado do pavimento levaron a incluír nas obras a instalación da nova tarima, que concluirá esta primavera.
"O chan do antigo ximnasio da Once ten máis un uso de amortecemento de impacto e tránsito que propiamente deportivo, xa que os practicantes de esgrima e taekwondo teñen as súas propias pistas e tatamis", explicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández
A reforma do ximnasio consta de varias intervencións relacionadas coa mellora das condicións térmicas; a optimización das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria (ACS); a instalación dun sistema de ventilación; a adecuación do acceso; a adaptación á normativa de incendios, e o mantemento e reparación da estrutura de formigón.
O proxecto inclúe a eliminación dos problemas de humidade e condensación que presenta o edificio do antigo ximnasio da Once e convertelo nun espazo eficiente a nivel enerxético e óptimo para os adestramentos, o que suporá un investimento de 448.636,94 euros os que se suman os case 15.000 da mellora do pavimento.
Esta inversión está cofinanciada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Administración Local a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) 'Máis Modelo Urbano Pontevedra'.
Así mesmo, Tino Fernández tamén asinou a proposta para a subsitución de canlóns e baixantes no pavillón do CEIP de Santo André de Xeve, que executará a empresa Canal Redondela SL cunha achega de 4.364,29 euros.