Pequeno respiro para un Cisne que aspira a dar guerra no tramo final da tempada
Por Diego Espiño
Despois dun mes esgotador, con ata nove partidos para recuperar as tres xornadas aprazadas por un gromo de covid, o Dicsa Modular Cisne vive ao fin unha semana tranquila e completa de traballo, ata o seu próximo encontro.
Un pequeno respiro para o equipo pontevedrés, que saíu moi tocado desa xeira de partidos, cun só triunfo e afundido na última posición da táboa con 9 puntos.
A permanencia na máxima categoría parece case unha quimera, a 8 puntos de distancia cando só quedan 12 en xogo, pero os números deixan aberta unha mínima esperanza, aínda que pareza un imposible, e a iso agárrase un equipo que quere dar guerra e gozar ata o final do seu debut na máxima categoría nacional.
O tramo decisivo da competición, con seis encontros aínda por xogarse, empezará para o Cisne o vindeiro sábado 24 de abril no Pavillón Municipal dos Deportes recibindo o Atlético Valladolid (20.00 horas), décimo na táboa con 27 puntos.
Despois chegarán a visita á pista do Bidasoa (5 de maio) e encontros ante Benidorm na casa (8 de maio), Sinfín tamén no Municipal (15 de maio), Villa de Aranda fóra (22 de maio) e Puerto Sagunto na casa (29 de maio).
Só rozar o pleno daría serias opcións aos de Jabato, algo moi complicado tendo en conta a súa traxectoria e que na primeira volta sumou nesta serie 3 de 12 puntos posibles. Iso non quita que os cisneístas teñen a intención de vender moi cara a súa derrota, porque mentres hai vida, hai esperanza, por mínima que sexa.
Relacionadas:
-
O Cisne cae con orgullo ante un Valladolid superior (25-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Atlético Valladolid visita o Municipal na primeira das seis finais que lle restan ao Cisne
Por Redacción |
-
O Barça non da opcións ao Cisne (43-21)
Por Manu Otero |
-
O Cisne cede o seu extremo Jose Leiras ao Torrelavega ata final de tempada
Por Manu Otero |
-
A precipitación e fraxilidade defensiva privan ao Cisne de loitar pola vitoria (26-34)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Andrés Sánchez, do Cisne, operado con éxito da súa rotura de ligamento cruzado
Por Manu Otero |
-
O Cisne rexorde das súas cinzas para superar con fartura o Guadalajara (29-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |