Oficial: España-Croacia de balonmán o 27 de xuño no Municipal de Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra volverá gozar da Selección Española Absoluta de balonmán, despois de acoller en 2018 o Trofeo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas.
Farao nunha dobre concentración de preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo e xogando ademais un encontro de primeiro nivel.
Ese partido, tal e como avanzou PontevedraViva, enfrontaralle a Croacia o próximo 27 de xuño nun choque correspondente á xornada 3 da EHF Eurocup 2022.
Deputación de Pontevedra, Real Federación Española de Balonmán e Federación Galega de Balonmán fixérono oficial este martes, e non quedaron aí, xa que os Hispanos afrontarán na provincia non só a concentración prevista inicialmente entre o 22 e o 30 de xuño, senón unha segunda xusto antes de partir cara a Xapón entre o 4 e o 10 de xullo.
En ambos os dous casos a Selección concentrarase en modo burbulla en Sanxenxo, desprazándose ao Municipal de Pontevedra a realizar os seus adestramentos. Ademais xogará un partido amigable ante Exipto en Ourense (29 de xuño), outro encontro fronte a Portugal o 10 de xullo no pavillón vigués das Travesas e tamén contra o combinado luso en Caminha (7 de xullo).
"Nos próximos días teremos noticias no tema de aforos e entradas", confirmou na presentación o presidente da Federación Galega, Bruno López.
"Creo que é unha extraordinaria noticia para a provincia", sinalou á súa vez a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agradecendo que se cumpra o compromiso alcanzado tras a celebración en Vigo e Pontevedra do Mundial Júnior.
Pola súa banda o dirixente da Federación Española, Francisco Blázquez, recoñeceu que se decantaron por realizar integramente a preparación dos Xogos nas Rías Baixas porque "es el clima más parecido a Tokyo que tenemos en nuestro país", e é a forma de "llegar a los Juegos Olímpicos de la mejor manera posible". De feito das concentracións na provincia sairá a lista definitiva de Jordi Ribeira para a cita olímpica, á que partirán só un par de días despois e na que España aspirará ao máximo.
Ademais, tal e como lembrou Bruno López, "a preparación en 2018 co Memorial Domingo Bárcenas conlevou un ouro no Europeo, así que esperemos que se repita".
Relacionadas:
-
A Selección Española de Balonmán volve a Sanxenxo para a segunda e última fase da súa preparación olímpica
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra dálle ás ao Hispanos camiño a Tokyo cunha prometedora vitoria ante Croacia (34-22)
Por Diego Espiño |
-
Os Hispanos inician a súa concentración burbulla en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Esgotadas en poucas horas as entradas para o España-Croacia de balonmán no Municipal
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, cuartel xeral dos Hispanos no seu camiño a Tokyo
Por Diego Espiño |