Nagore Otero consegue a medalla máis celebrada para o CD Pinarium
Por Diego Espiño
Unha enfermidade xenética rara, a acondroplasia, minguou a capacidade física de Nagore Otero, pero a xoven deportista do Club Deportivo Pinarium non se deixou vencer sendo todo un exemplo de superación.
Por iso a medalla de bronce conseguida este sábado en Almazán, Soria, no Campionato de España Escolar de Tríatlon é un dos podios máis celebrados polo seu club.
Nagore formou parte da Selección Galega que disputou a proba da Remuda Mixta Inclusiva, na que participaban oito combinados autonómicos formados por un triatleta, unha triatleta e un ou unha paratriatleta.
A carreira levouna o equipo das Illas Baleares, decidíndose os outros dous banzos do podio nun emocionante sprint entre a representante madrileña e a propia Nagire Otero, que entrou terceira en meta e tivo a honra de recoller as medallas do seu equipo.
"A capacidade de superación desta rapaza, que afrontou xa varias operacións de importancia pola súa acondroplasia, é asombrosa, e é un exemplo tanto para o resto de nenos e nenas da nosa escola de tríatlon, como para todos os que formamos a familia de CD Pinarium", sinalaron desde o club marinense tras o campionato.