Víctor Riobó imponse con comodidade na IV edición da carreira Pinga Pinga
Por Alejandro Espiño
Victor Riobó foi profeta na súa propia terra. O atleta marinense proclamouse campión da IV edición da carreira popular Pinga Pinga, celebrada este sábado en San Tomé de Piñeiro (Marín). ÿ a primeira vez que Riobó, un dos deportistas máis laureados desta localidade pontevedresa, faise co triunfo nunha proba que, ano tras ano, consolídase no calendario do atletismo galego.
O atleta, actualmente nas filas do New Balance, dominou a carreira desde o primeiro momento. Impuxo un ritmo moi forte xa desde a primeira volta do percorrido e que tan só puideron aguantar, aínda que só durante os primeiros quilómetros, Javier Paredes (Sociedad Gimnástica) e Manuel Martínez Ageitos (Afflelou Narón). Na segunda volta, Víctor Riobó puxo unha marcha máis e distanciouse definitivamente dos seus perseguidores.
Riobó completou os case 8 quilómetros da carreira nun tempo de 26:18. Foi nove segundos máis rápido que o segundo clasificado, Javier Paredes. O atleta ourensán da Gimnástica non puido repetir o triunfo que logrou o ano pasado o seu compañeiro de equipo, Rafael Fuentes, ausente nesta ocasión. Terceiro foi Manuel Martínez Ageitos que completou a proba en 27:07, a 49 segundos do gañador.
Xunto á proba masculina que, do mesmo xeito que o resto celebrouse sobre un circuíto duro e esixente especialmente polos continuos desniveles do percorrido, hai que destacar que na categoría feminina, a gañadora foi Paula Mayobre (Bikila), que parou o crono en 28:50, nove segundos menos que a segunda clasificada, Leticia Fernández (Club Ría de Ferrol). Terceira foi María Soledad Castro Soliño (Comesaña S.C.) cun tempo de 30:49.
Ademais, a Gimnástica de Pontevedra levouse o triunfo na categoría de Xuvenil/Promesa masculino grazas á vitoria de Martín Taín (27:51). Nesta mesma proba feminina a vitoria foi para a atleta local Laura Pérez Trabazo (39:39), do San Miguel de Marín. Tamén houbo premio para o club organizador da proba, o Club Deportivo Pinarium, que venceu na categoría Veterán A con Orlando Rodríguez (27:52).
As clasificacións completas da Pinga Pinga 2013 pódense consultar na páxina web da empresa encargada de cronometrar a proba.
Os NENOS, PROTAGONISTAS TAMBIEN DA PINGA PINGA
Esta cuarta edición da carreira Pinga Pinga tamén reservou parte da súa protagonismo para os máis pequenos. Antes do inicio da proba absoluta, celebráronse diversas carreiras nas que puideron participar nenos e nenas de todas as idades (apenas ano e medio tiña o participante de menor idade). Toda unha festa do atletismo que fixo as delicias do numeroso público que se achegou ao campo de fútbol de San Tomé de Piñeiro.
A Pinga Pinga pecha esta cuarta edición cun bo balance de participación, xa que se superaron as cifras do pasado ano, a o que axudou, sen dúbida, o feito de coincidir nun día festivo e a boa climatoloxía que acompañou ao desenvolvemento da proba. Só en categoría absoluta rexistráronse 308 corredores. A todos eles hai que sumar os preto de cen nenos que participaron nas probas de categorías inferiores.
Relacionadas:
-
11 de outubro, San Tomé de Piñeiro: chega a quinta edición da carreira Pinga Pinga
Por Alejandro Espiño |
-
San Tomé de Piñeiro acollerá o próximo 12 de outubro a cuarta edición da carreira 'Pinga Pinga'
Por Alejandro Espiño |
-
Rafael Fuentes, atleta da Gimnástica, vence con claridade na III edición da carreira Pinga Pinga
Por Alejandro Espiño |