Os mellores saltadores cítanse un ano máis na Ponte do Burgo
Por Manu Otero
A quinta edición do festival de atletismo Saltar na Rúa celebrarase o 28 de agosto coa Ponte do Burgo como escenario por segundo ano consecutivo. Trátase dunha demostración na que participarán atletas da Sociedade Ximnástica e deportistas convidados de primeiro nivel autonómico e nacional para realizar unha demostración de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.
A idea naceu fai cinco anos co obxectivo de fomentar a práctica do atletismo e achegar esta disciplina á cidadanía. "É un espectáculo digno de ver", declarou o concelleiro Tino Fernández, quen lembrou que o público poderá achegarse a ver os saltos sempre en cumprindo todas as medidas sanitarias.
A competición comezará ás 19.30 horas co salto de lonxitude, que contará coa presenza de saltadores convidados da talla de David Ferrer e Lucía Sánchez. A continuación será a quenda do triplo salto que verá elevado o seu nivel coa participación de Alba Cuns e Alfonso Palomares. Ao redor das 20.30 horas está previsto que sexa a quenda do salto con pértega, no que están rexistradas Lola Bouza e Beatriz Viteri. O cartel complétase con atletas de diversas categorías pertencentes á Sociedade Ximnástica.
"A nosa intención é dar a coñecer estas modalidades e gozar do espectáculo do atletismo", explicou Santi Ferrer, que se encargou de representar á Sociedade Ximnástica na presentación dun evento que naceu para celebrar o 90 aniversario do club decano da cidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Saltar na Rúa recupera o seu lugar no centro de Pontevedra cun cartel cheo de atletas galegos de elite
Por Redacción |
-
Exhibición de atletismo na Ponte do Burgo coa quinta edición do Saltar na Rúa
Por Redacción |
-
Atletismo na Ponte do Burgo para celebrar a IV edición do Saltar na Rúa
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A Ponte do Burgo, estadio de atletismo por un día
Por Redacción |