Saltar na Rúa recupera o seu lugar no centro de Pontevedra cun cartel cheo de atletas galegos de elite
Por Redacción
O atletismo volverá tomar as rúas de Pontevedra este sábado 27 de agosto pola tarde cunha nova edición do Saltar na Rúa unha festa deportiva que cada ano organiza a Sociedad Gimnástica no centro de Pontevedra.
A sexta edición deste evento celebrarase na praza da Ferrería, despois de dous anos na Ponte do Burgo.
Entre os participantes máis destacados figuran: en lonxitude, Jean Marie Okutu (FC Barcelona), olímpico en Río 2016 e campión de España absoluto en numerosas ocasións, e Andrea Villaverde (Sociedad Gimnástica), campioa galega absoluta; en triplo salto, Diego Míguez (Sociedad Gimnástica), campión galego absoluto, Anxo Blanco, campión de España sub 23 en 2018, Alfonso Palomanes, récord galego absoluto de triplo salto e campión de España absoluto en 2016, Uxía Paz (Celta), cuarta no nacional sub 23 de 2022, e Marina Artemia Pérez (Sociedad Gimnástica), bronce no nacional sub 16 de pista cuberta; e en salto con pértega, Luis Moro, récord galego absoluto, Tomás López (Sada), campión galego absoluto, e Nerea Fernández (Adas O Barco), campioa galega absoluta.
Uns atletas estelares que veñen a dar o mellor dos espectáculos nunha exhibición de saltos organizada pola Sociedad Gimnástica en colaboración coa Concellería de Deportes, que dará comezo ás 19:30 horas coa disciplina de lonxitude, continuará arredor das 20 horas co triplo salto e culminará en torno ás 20.30 horas coa pértega. O remate está previsto para as 21 horas.
O evento foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o coordinador do programa, Santi Ferrer, adestrador da Gimnástica, e mailo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen asegurou que "xa na súa última edición Saltar na Rúa tense convertido nun referente dentro da programación deportiva do verán, pero non só de Pontevedra, senón tamén a nivel galego e estatal. Para nós é un orgullo que este de iniciativas diferentes se vaian consolidando, porque nos axudan a xerar actividade física, cun evento que é tanto un final de tempada como un bo comezo de curso para as escolas deportivas que estarán en marcha dentro dun mes, e a ser un referente como cidade que anima a facer exercicio. Todo o que signifique sacar o deporte á rúa e divertirse facendo actividade física fai que a nosa cidade se converta nun referente a seguir".
Sinalou Santi Ferrer, ao contrario do que acontece coas carreiras populares, as disciplinas de salto non soen sacarse á rúa "pola complexidade que ten" e, sen embargo, "nós comezamos con esta actividade aló polo 2017 e logramos celebralo de xeito ininterrompido, sobrevivindo á pandemia grazas ao apoio do Concello e ao traslado do evento cara a unha ubicación alternativa que evitou esas aglomeracións que agora si buscamos na Ferrería".
Relacionadas:
-
Saltos de 'gran altura' na praza da Ferrería da man da Gimnástica
Por Redacción |
-
Exhibición de atletismo na Ponte do Burgo coa quinta edición do Saltar na Rúa
Por Redacción |
-
Os mellores saltadores cítanse un ano máis na Ponte do Burgo
Por Manu Otero |
-
Atletismo na Ponte do Burgo para celebrar a IV edición do Saltar na Rúa
Por Redacción & Cristina Saiz |