O Pontevedra atopa o camiño: "Un equipo serio que non concede dá moita tranquilidade de medio campo para arriba"
Por Diego Espiño
"Creo que foi o partido máis completo esta tempada. O equipo estivo moi serio en todas as liñas. Arriba estivemos ben, apertamos, no mediocampo xogamos con criterio e atrás estivemos expeditivos". Con esas palabras analizou Ángel Rodríguez o triunfo do Pontevedra Club de Fútbol en Luanco (0-3), o primeiro da tempada e por primeira vez deixando a súa portería a cero.
Esa precisamente é unha das claves destacadas polo técnico. Xa o recoñecía na previa como un aspecto fundamental e agora sinálao como o camiño para seguir. Non é para menos, e é que ata este partido os granates rozaban unha media de dous goles encaixados por encontro. Demasiado lastre para un equipo que aspira ao máximo este curso.
Só na xornada inicial contra o Compostela (1-1) recibiron un gol, xa que no resto de encontros foron dous os tantos en contra. Debido a iso e tras repetirse erros en aspectos como o balón parado defensivo ademais de lapsus de concentración, Rodríguez realizou cambios no once ante o Marino que empezaron pola portería, cambiando a Álvaro Cortés e dando entrada a un Pablo Cacharrón que se estreou como espectador de luxo en Miramar, xa que que o rival non chegou a rematar entre os tres paus.
Esa estatística foi o reflexo da solidez mostrada polo equipo, esta vez si durante os 90 minutos. "Estabamos convencidos de que cando o fixésemos este equipo ten fútbol e pegada", analiza o preparador.
"Non concedemos nada, e un equipo serio que non concede dá moita tranquilidade de medio campo para arriba", incide. De feito a nivel ofensivo o Pontevedra viu porta en todos os seus partidos e colocouse como o segundo máis goleador do grupo.
Por ese motivo Ángel Rodríguez cre que atoparon o seu rumbo. "Se mantemos esta regularidade de medio campo cara atrás e mostrámonos fortes seremos un equipo bastante complicado para o rival", asegura.
Caída a primeira barreira psicolóxica co triunfo en Luanco, agora queda outra materia pendente, a de facerse forte na casa. Iso pasa por vencer o vindeiro sábado (19.00 horas) á UD Llanera. Neste sentido o técnico apela á calma e aconsella aos seus futbolistas. "O único que fai falta é ter un pouco de tranquilidade, que Pasarón non lles pese". Só así os granates empezarán a ver a luz ao final do túnel no que se meteron tras un irregular inicio de liga.
Relacionadas:
-
A Verdura, primeira parada das celebracións do Pontevedra polo seu 80 aniversario
Por Redacción |
-
Ángel Rodríguez: "Pediríalle á afección que teña paciencia, que estea a carón do equipo"
Por Diego Espiño |
-
Rebaixa nas entradas do Pontevedra para celebrar o seu 80 aniversario
Por Redacción |
-
Charles, mellor xogador do mes no Pontevedra: "Agora son o xogador de área que sempre fun, e nótase"
Por Diego Espiño |
-
Charles, consolidado no top-10 histórico do Pontevedra e subindo
Por Diego Espiño |
-
Vitoria para crecer dun sólido Pontevedra en Luanco (0-3)
Por Diego Espiño |
-
O céspede de Pasarón prepárase para o inverno
Por Diego Espiño |