Pontevedra será capital do karate en 2022 e 2023 cun campionato de España e unha liga absoluta
Por Manu Otero
A cidade de Pontevedra acollerá en novembro deste 2022 o Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21 de Karate; e en febreiro de 2023, unha Liga Nacional Cadete e Absoluta da disciplina.
Así o confirmou este mércores o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, despois de manter unha xuntanza no Concello cos presidentes da Real Federación Española de Karate (RFEK), Antonio Moreno; e da Federación Galega, Óscar Lafuente.
"Viñamos mantendo conversas coa Federación de Karate, porque hai un ano xa tiñamos organizado con moito éxito unha Liga Nacional, que saíu moi ben e que amosou o sinxelo que é traballar con eles", declarou o titular de Deportes.
Engadiu Fernández que o de Pontevedra "é un concello que aposta por traballar de forma escalonada, mellorando de xeito progresivo e establecendo relacións consistentes coas federacións, e neste caso mantemos unha moi boa relación".
"A reunión serviu tamén para ir vendo a posibilidade de traer outras cousas incluso máis importantes en 2024", puntualizou o concelleiro, que quixo agradecer a colaboración das federacións e deixar claro o compromiso que ten a capital co desenvolvemento deste deporte.
O presidente da RFEK asegurou ter quedado "marabillado" despois da última liga celebrada en Pontevedra. "Volvemos repetir cun Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21 que oscilará entre os 800 e os 1.000 competidores e que arrastra a unhas 1.500 ou 1.600 persoas directamente implicadas no evento. Imos encher de novo esta cidade turisticamente e deportivamente", asegurou Antonio Moreno.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Karate amosou o seu "orgullo" porque "se afiance e consolide esta relación coa cidade e co seu Concello", polo que "sempre nos sentimos moi ben tratados".
Para Óscar Lafuente, é un motivo para sacar peito que se poidan traer eventos nacionais á Boa Vila, xa que é "o mellor xeito de apoiar aos deportistas", e neste sentido, Pontevedra está a acadar cada vez un maior peso como capital galega do karate.
Relacionadas:
-
O Campionato de España Absoluto de Karate de 2024, en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Liga Nacional de Karate reunirá a 700 deportistas en Pontevedra durante esta fin de semana
-
Case 600 deportistas celebran en Pontevedra a Liga Nacional Infantil de Karate
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pontevedra e o karate, unha relación que acaba de comezar
Por Diego Espiño |