A Liga Nacional de Karate reunirá a 700 deportistas en Pontevedra durante esta fin de semana
O sábado 18 e o domingo 19 de febreiro celebrarase no Pavillón Municipal de Pontevedra a Liga Nacional de Kárate. Participarán máis de 700 deportistas e 135 clubs de todo o Estado nas categorías cadete e sénior.
Galicia estará representada por 14 clubes e 39 deportistas. Destacan Ruth Lorenzo Couso, subcampioa de España sénior - 55 kg, e Xavier Santos Veiga, subcampión de España sénior - 67 kg. Ademais, realizaranse adestramentos da selección española aproveitando a celebración deste evento deportivo.
A presentación da cita tivo lugar este venres no Concello de Pontevedra e participaron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Óscar Lafuente, presidente da Federación Galega de Kárate; Antonio Moreno, presidente da Federación Española de Kárate e Daniel Benavides, delegado de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Óscar Lafuente afirmou que "este es el tercer evento que hacemos en esta ciudad" e asegurou que "ya nos sentimos como en casa". Pola súa banda, Antonio Moreno agradeceu ao alcalde da cidade o apoio concedido a esta disciplina durante a etapa da pandemia e confirmou que "seguiremos viniendo a Pontevedra".
Lafuente afirmou que o karate en Galicia goza de boa saúde. No 2022, este deporte contaba con 3.300 licenzas, "teríamos que ir 25 anos atrás para ver ese número dentro da Federación. Estamos fortes, despois da pandemia esta disciplina rexurdiu e celebrar eventos deportivos coma este contribúen a esa nova forza", argumentou.
Antonio Moreno lembrou a importancia de que Pontevedra arriscara para ser sede de anteriores citas en plena pandemia. "Cremos que Pontevedra debe ter un evento deste tipo cada ano, e así teremos o ano que vén o
Campionato de España", indicou o presidente da Federación Española.
Para concluír o acto, Fernández Lores anticipou que Pontevedra está a estudar a posibilidade de acoller un evento internacional de karate en 2025 pero que o Concello aínda está pendente de confirmar as instalacións onde se disputaría.
Relacionadas:
-
O Campionato de España Absoluto de Karate de 2024, en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O karate trae ao Municipal a máis de 700 deportistas no Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21
Por Redacción |
-
Pontevedra será capital do karate en 2022 e 2023 cun campionato de España e unha liga absoluta
Por Manu Otero |