Goleada ante o Móstoles dun Pontevedra que encadea a súa novena xornada sen perder (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Nin Unión Adarve nin Pontevedra Club de Fútbol afrouxan na súa loita polo primeiro posto do Grupo I da Segunda RFEF. Os granates, sabedores de que o seu rival conseguira sacar adiante o seu encontro en horario matinal, saltaron ao céspede de Pasarón para medirse ao Móstoles sen que iso lles pesase un chisco, concentrados en conseguir sumar a súa novena xornada sen perder. E iso fixeron nun triunfo solvente.
As ausencias de Seoane por lesión e Yelko Pino por sanción obrigaban a Ángel Rodríguez a variar o seu once inicial, e os cambios foron máis dos esperados porque ademais da entrada Santi Figueroa no lateral e Romay na medular, o técnico tamén sentou a Miguel Román para dar a oportunidade na aliñación a Javi Rey.
Custoulle entrar no partido ao conxunto local, que non atopaba o ritmo adecuado de circulación de balón sobre o lento e pesado céspede de Pasarón, recentemente tratado con area. A iso uníaselle un Móstoles que saíu ao campo con desenvoltura e tardou apenas un minuto en avisar das súas intencións. Por fortuna Cacharrón mostrouse seguro ao disparo de Irizo tras un barullo na área.
Volveu ameazar o equipo madrileño no minuto 8 nunha acción de Carrasco en diagonal para conectar un chute desde a frontal que obrigaba ao arqueiro local a empregarse a fondo. Con todo co paso dos minutos o Pontevedra empezaba a atoparse máis cómodo.
Froito desa melloría e na súa primeira chegada, aos 11 de xogo, Rubio conseguía un bonito gol tras unha xogada persoal driblando a varios contrarios e conectando un tiro á base do poste coa súa perna esquerda que se coaba na portería. Non subiu o tanto ao marcador ao anulalo o colexiado ao entender que Brais Abelenda, en fóra de xogo posicional, afectaba á visión do porteiro. Non pareceu ser así.
Aínda que non foi válido o gol animou máis aos granates, que seguiron crecendo máis a base de verticalidade que das súas habituais combinacións ata atopar premio, esta vez si con todo en regra, no minuto 18. Rápida transición para a chegada de Álex González cun potente tiro do extremo que o gardameta madrileño, Tejero, despexou con apuros deixando o coiro en metade da área. Alí apareceu, oportuno e con olfacto, o pichichi Charles para meter a bota e enviar o balón ao fondo da rede, facendo o 1-0 con algo de suspense.
Co marcador a favor os granates non afrouxaron e 10 minutos despois chegaría o segundo. Rubio servía en profundidade un bonito pase para deixar só ante o porteiro a Brais Abelenda, e o 8 pontevedrés non fallou no man a man picando o esférico ante a saída de Tejero.
Co 2-0 no peto tocaba ter cabeza, e os de Ángel Rodríguez baixaron o ritmo cun Móstoles que non atopaba o camiño. Aínda así nunha acción illada os visitantes estiveron preto de recortar distancias, pero Álvaro Sánchez tras gañar as costas da defensa atopouse a un inmenso Cacharrón para desbaratar a opción no man a man.
Tras o paso por vestiarios tentou reaccionar o Móstoles, non quedaba outra. Polo menos o equipo adestrado por Víctor González volveu ao céspede con esa intención, pero non estaba polo labor de conceder facilidades un Pontevedra que con espazos para correr vólvese aínda máis perigoso. Así chegou de feito o 3-0 na súa primeira aproximación con perigo do segundo acto, aos 54 de partido. Rápida saída dos granates pola banda esquerda, Álex González recibe, recorta cara a dentro e saca un disparo espectacular á escuadra do pau longo ante o que nada pode facer o porteiro.
Faltaba máis de media hora para o final pero estaba xa todo o peixe vendido, tanto que o adestrador local permitiuse o luxo de repartir minutos dando media hora a Rufo para ir gañando ritmo de competición tras a súa lesión, ou un cuarto de hora a Oier, tamén recentemente recuperado.
Os minutos foron desa forma caendo irremediablemente ata o final, só alterado polo gol da honra dos visitantes á saída dun córner, obra de Alexander no minuto 86, e o cuarto local por medio de Iñaki na prolongación. O lunar de encaixar non impediu que se certificase a novena xornada consecutiva sen perder (7 triunfos e 2 empates) dun Pontevedra que segue firme á caza do líder, a cinco puntos de distancia, á espera da súa oportunidade para recortar.
PONTEVEDRA CF (4): Cacharrón, Santi Figueroa, David Soto, Churre (Samu Santos, min.84), Samu Araújo (rufo, min.62), Javi Rey, Romay, Álex González, Rubio (Oier Calvillo, min.78), Brais Abelenda (Iñaki, min.84), Charles (Martín Diz, min.78).
CD MÓSTOLES (1): Tejero, Álex Alonso, Carrasco (Ramos, min.26), Calarge, Portilla (Romera, min.82), Mantovani (Fernando, min.82), Sanjurjo (Leiton, min.82), Alexander, Álvaro Sánchez, Ledesma, Irizo (Chupe, min.46).
Árbitro: Francisco Crespo Puente, auxiliado nas bandas por Navarro Carrero e García Rubio (Cantabria). Amoestou a Samu Araújo no Pontevedra e a Alexander, Álvaro Sánchez e Mantovani no Móstoles.
Goles: 1-0 Charles (min.18): 2-0 Brais Abelenda (min.29); 3-0 Álex González (min.54); 3-1 Alexander, (min.86); 4-1 Iñaki (min.92).
Incidencias: Partido da xornada 19 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante preto de 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Mal menor para o Pontevedra tras o inesperado tropezo do Unión Adarve
Por Diego Espiño |
-
Fin á xeira positiva do Pontevedra, que queda seco en Leganés (2-0)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Leganés sen Seoane para seguir presionando ao Unión Adarve
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra explora a vía rápida
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra, no top 5 español de equipos con mellor cociente entre goles anotados e recibidos
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez, "bastante desgustado" polo estado do céspede de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Javi Rey e Romay, candidatos ao once inicial ante a baixa de Yelko Pino
Por Diego Espiño |
-
A resonancia magnética rebaixa a alerta sobre a lesión de Seoane
Por Manu Otero |
-
Un discutible penalti priva ao Pontevedra da vitoria en San Lázaro (1-1)
Por Manu Otero |