Mal menor para o Pontevedra tras o inesperado tropezo do Unión Adarve
Por Diego Espiño
Todo segue igual na pelexa polo liderado do Grupo I da Segunda RFEF, despois dunha xornada na que sorpresivamente perderon os tres primeiros clasificados.
Tras nove xornadas sen caer o Pontevedra encaixou unha derrota o sábado en Leganés que deixaba a porta aberta ao líder, o Unión Adarve, para ampliar unha vantaxe que defendeu con uñas e dentes nos últimos meses ante o empuxe pontevedrés. Con todo, cando menos esperábase, o cadro madrileño viuse sorprendido este domingo no seu campo polo Palencia Cristo Atlético, na que é a súa primeira derrota na casa da tempada. Non en balde o Adarve é o mellor equipo como local do grupo (27 puntos) e en toda a Segunda RFEF só lle supera nesta estatística o Córdoba (33 puntos).
Trátase só do segundo partido perdido do curso para o líder, que non caía desde a quinta xornada de competición en Avilés (5 de outubro). A iso súmase que o terceiro en discordia, o Navalcarnero, foi superado esta xornada polo Coruxo (2-0) sen poder aproveitar a escorregada dos seus rivais.
Desta forma o Adarve mantense na cabeza con 44 puntos, polos 39 que acumula o Pontevedra, os 33 do Navalcarnero e os 31 de Leganés B e Compostela pechando a zona de play- off.
Na casa granate eran conscientes de que nalgún momento podía chegar unha derrota, pero a minimización de danos supón todo un reforzo de moral para o que queda por diante, esperando recuperar a inercia gañadora para subir canto antes ao liderado, único posto que outorga o ascenso directo de categoría. A iso súmase que a próxima fin de semana chega unha xornada marcada en vermello no calendario para tentar poñerse a tiro de pedra dun Adarve que visitará o campo do terceiro clasificado, o Navalcarnero, mentres que os de Ángel Rodríguez recibirán en Pasarón o Bergantiños (domingo 13, 17.00 horas).
Queda unha semana menos para o fin da tempada regular, pero o Adarve mostrou por primeira vez un indicio de debilidade e no club de Pasarón confían en que iso poida supoñer un punto de inflexión na súa remontada.
Relacionadas:
-
Exame de conciencia no Pontevedra para recuperar "a frescura que tiñamos hai dúas semanas"
Por Diego Espiño |
-
O Bergantiños castiga a falla de contundencia do Pontevedra (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Rufo apunta ao once fronte ao Bergantiños: "Para xogar 90 minutos dubídoo, pero está para ser titular"
Por Diego Espiño |
-
Álex González, confiado en poder asaltar o liderado: "Estou seguro que centrándonos en nós vai chegar"
Por Diego Espiño |
-
Fin á xeira positiva do Pontevedra, que queda seco en Leganés (2-0)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra explora a vía rápida
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra, no top 5 español de equipos con mellor cociente entre goles anotados e recibidos
Por Manu Otero |
-
Peche de mercado sen sobresaltos para o Pontevedra e os seus rivais polo ascenso
Por Manu Otero |
-
Goleada ante o Móstoles dun Pontevedra que encadea a súa novena xornada sen perder (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |