Un momento clave da tempada, pero mirando "partido a partido"
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol chega ao que quizais sexa o momento máis decisivo da tempada, con tres xornadas consecutivas que marcarán o seu futuro inmediato e que poderán resultar determinantes na pelexa polo primeiro posto, e por tanto polo ascenso directo.
Os granates prepáranse para visitar primeiro o vindeiro domingo día 20 de marzo o Coruxo (18.00 horas), equipo xunto ao Bergantiños máis en forma na actualidade do campionato ao sumar 16 dos seus últimos 18 puntos posibles, o que fixo aos vigueses pasar de coquetear co descenso para estar a só un punto do play- off de ascenso.
Será só a primeira etapa deste particular 'Tourmalet', e é que unha semana máis tarde visitará o Estadio Municipal de Pasarón o líder Unión Adarve para despois ter que render visita ao terceiro en discordia, o Navalcarnero.
Antóllase complicado non pensar nestas tres semanas no seu conxunto, pero desde o club pontevedrés toman como súa a filosofía do 'cholismo' e o seu "partido a partido" para tentar non mirar máis aló e centrarse só no encontro máis inmediato.
"Coruxo, de momento Coruxo, no nos ha ido bien cada vez que miramos un poco más allá", recoñeceu na sala de prensa de Pasarón o gardameta Pablo Cacharrón cortando de raíz calquera pregunta respecto diso.
É a folla de ruta marcada na casa granate, porque só sacando os seus compromisos adiante poderá pelexar por arrebatarlle ao Adarve o primeiro posto. Ademais "el Coruxo viene en buena forma, ha demostrado que está a un buen nivel y va a ser un partido de tú a tú", sinalou á súa vez Samu Araújo. Un reto o do Vao xa suficientemente estimulante como para evitar a tentación de pensar antes de tempo na visita do líder a Pasarón.
Relacionadas:
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra na reinauguración do Vao (2-2)
Por Manu Otero |
-
"Estamos nun momento moi fodido da economía como para que na Segunda RFEF haxa prezos tan elevados"
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia propón unha multa de 100 euros ao Pontevedra tras exhibirse unha bengala en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Polémica polas entradas do Coruxo-Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Vao, aliado para o Pontevedra ante a ameaza do renacido Coruxo dos irmáns Montes
Por Diego Espiño |
-
Vitoria e portería a cero con dedicatoria especial para Borja, socio granate de 31 anos falecido esta semana
Por Almu Dapena & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Goleada balsámica do Pontevedra fronte á Gimnástica Segoviana (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |