Competir no Campionato de España de Natación Artística, un oasis para o Galaico Sincro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Despois duns días moi complicados polas dúbidas xeradas polo peche da piscina olímpica de Ponte Muíños, o Galaico Sincro centrouse esta fin de semana na competición participando no Campionato de España Alevín e Infantil de Inverno de Natación Artística celebrado na localidade catalá de Lloret de Mar.
Coma se dun oasis tratásese no medio do deserto, e tras poder adestrar durante a semana na piscina da Escola Naval de Marín, o club pontevedrés acudiu á cita con 12 deportistas, seis deles en idade alevín (Deva, Mariña, Lucía, Iria, Iván e Clara) e outras seis nadadoras en categoría infantil (Nayeli, Claudia, Alicia, Ariadna, Antía e Daniela).
O principal obxectivo do club era conseguir meterse entre os 16 mellores en idade infantil para así clasificarse para o Nacional de Verán, e fíxoo conseguindo o pasaporte para a competición que se celebrará en xuño en Gran Canaria.
A nivel individual destacou o posto logrado por Daniela Suarez, ao ser 14ª de 340 participantes gañándose o dereito para participar nas probas de acceso á Selección Española Infantil. A pontevedresa foi elixida para unha concentración nacional que se desenvolverá entre os días 4 e 8 de abril para preparar próximas competicións internacionais, unha cita na que estará outra nadadora galega, Blanca Fidalgo (RCN Vigo).