Pasarón agarda ao Real Avilés, un aspirante ao playoff ao que o Pontevedra empuxou ao precipicio
Por Manu Otero
Non levanta cabeza o Real Avilés desde que o Pontevedra lles inflixiu a súa primeira derrota como locais alá pola xornada 12. Prometíanllas moi felices o equipo asturiano, que naquel momento marchaba segundo con só unha derrota na marcadora. Pero o Pontevedra fixo sangue, arrebatoulle esa condición de inmortais e afundiulle a autoestima.
Dúas derrotas consecutivas máis motivaron a destitución de Chiqui de Paz. Astu, o director deportivo reconvertido a adestrador, non só foi incapaz de endereitar o rumbo senón que acabou levando a nave ás rochas. Hai quince días presentou a súa dimisión tras perder co pechacancelas Ceares.
Chegou Emilio Cañedo e debutou con vitoria ante outro equipo que xa non lembra o que é non estar en crise: o Salamanca. Agora o novo adestrador, que confía na calidade do seu plantel ao que, segundo el, só lle faltaba recuperar a confianza, enfróntase ao equipo que lanzou o ambicioso soño do ascenso ao abismo.
A marcha de ambos os conxuntos é contraposta. Mentres o Pontevedra recuperou a esperanza no ascenso directo goleando ao Adarve e ao Navalcarnero, o Avilés mira de esguello aos postos de descenso, que os ten a só dous puntos. Sumar un novo triunfo non só serviríalle para acariñar a permanencia, tamén reactivaría a ilusión por alcanzar os postos de playoff, que agora marca outro deprimido Compostela con 40 puntos, só catro máis que os de Cañedo.
Con todo, confiar nas súas posibilidades non será arma suficiente para rabuñar puntos en Pasarón. Ademais, os visitantes viaxarán a Galicia con notables ausencias no seu persoal. Cañedo perde para este partido por acumulación de amoestacións a Cedrick e Vidorreta. O primeiro é un extremo trotamundos do fútbo, que xa sabe o que é xogar co Betis en Primeira División, o segundo forma parte da engrenaxe do xogo colectivo avilesino.
A lista de baixas complétana dous lesionados de longa duración. O central Adri e o centrocampista Cárdenas.
E aínda por riba, o máximo goleador do equipo leva toda a semana entre algodóns. Unhas molestias musculares poñen en dúbida a participación de Ródenas no partido, autor de 11 tantos esta tempada. Poden consolarse polo menos coa presenza doutro veterano goleador, aos seus 38 anos Natalio, artilleiro en múltiples equipos da categoría de prata do fútbol español, suma oito dianas este curso. Tamén estará no once Morcillo, experimentado central madurado nas filas do Recreativo de Huelva.
Outro motivo para a esperanza ao que se agarran en Asturias é a irrupción do prometedor ariete Toni García, fichaxe invernal procedente do Móstoles que disputou os seus primeiros minutos co Avilés a pasada xornada.
Relacionadas:
-
Remontada épica e liderado granate (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O estado do céspede e un Avilés necesitado ameazan a un Pontevedra en modo cazador
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez rebaixa a euforia: "Non somos campións, a relaxación non a permito"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra repite promoción e regala entrada aos seus socios para que Pasarón volva ser unha caldeira
Por Manu Otero |
-
Seoane ve a súa quinta amarela desde o banco e será baixa para a visita do Avilés
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra vai "de cabeza" polo ascenso
Por Manu Otero |