
© Mónica Patxot
Álex González descarta quedar sen ascenso: "Son condicións que no fútbol de hoxe en día non ocorren. Aínda así, imos ir a gañar"

Por Manu Otero

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
O capitán do Pontevedra, Álex González, recolleu este xoves o premio a xogador do mes de abril no restaurante pontevedrés Casa Román. É o terceiro galardón que recibe esta tempada, o máis premiado do plantel, o que lle permitirá recibir o premio a xogador do ano que cada ano entrega o patrocinador do club Estrella Galicia.
Xa co distintivo na man, o extremo cántabro aproveitou para repasar o ocorrido ao longo desta semana na que o equipo logrou o ascenso virtual a Primeira RFEF, algo que está convencido de que certificarán este domingo en Palencia.
Aínda que recoñece que si que se lle pasou pola cabeza, inmediatamente González descarta calquera posibilidade de perder o liderado nesta última xornada. "Si que nos pode pasar un flash pola cabeza de que poida pasar algo raro, pero logo te pairas a pensalo en frío e creo que non perdemos ningún partido este ano por máis de dous ou tres goles. A máxima goleada no grupo foi un 0-7, que xa é moi grande. Son condicións que non terían que ocorrer no fútbol de hoxe en día e que non ocorren. Aínda así, imos saír coa idea de competir e tentar gañar o partido e dará igual o que ocorra no resto de campos", explicou o extremo sobre a opción de que unha goleada do Adarve e unha estrepitosa derrota do Pontevedra poida botar por terra o ascenso directo.
O que xa quedou atrás é a "inesquecible" celebración do domingo. "Hai que esquecer os festexos, adestramos coa alegría e a satisfacción de que o traballo está practicamente feito pero coa vista nun partido que hai que disputar", dixo o capitán sobre a volta aos adestramentos tras dous días de descanso.
No último partido de liga non estarán sós. O club xa confirmou que partirá na madrugada do domingo un autobús repleto de afeccionados e leste mesmo xoves informaron de que o segundo autocar está a piques de completar tamén todos os seus asentos. "A xente ten ganas de seguir celebrando, é marabilloso que os desprazamentos se fomenten. É sinal de que a xente está co equipo e seguro que en Palencia axudarannos a conseguir a vitoria e, cando sexa oficial e matemático, poderemos celebrar alí con toda a xente que se achegue", dixo González.
O que está a vivir este ano o capitán granate non ten parangón con nada do experimentado ao longo das súas cinco tempadas en Pasarón. "Non hai comparación, houbo alegrías desde que estou aquí pero non é comparable. Ver a felicidade que a xente che transmite, iso non o vivira aquí. Ver á xente tan feliz como estaba o domingo pola rúa non o vivín", recoñece o xogador, que non deixa de revisar os vídeos da última xornada. "Foi un domingo moi bonito, un día inesquecible, a celebración coa xente e a familia quedan aí gardadas. Estamos como de resaca emocional, ver tanta alegría é marabilloso", remarca.
Outro xesto que protagonizou o domingo e que motivou a felicitación da inchada visitante e a local foi o que tivo ao finalizar o partido ao achegarse aos afeccionados do Salamanca. "Tivo máis repercusión da que me esperaba. Non estabamos a perder tempo, pero si controlando máis o balón por aquela zona. É algo que ao equipo contrario lle pode molestar e logo tenteilles explicar que era porque nos estabamos xogando a vida e tamén para darlles ánimos", dixo restando importancia ao seu xesto de deportividade.
Sobre a intención do Palencia de facer un corredor ao Pontevedra para homenaxealos polo primeiro posto e o ascenso e que finalmente a RFEF denegou, González tampouco quixo darlle excesiva relevancia. "O recoñecemento é ascender, máis que iso non hai. Xa o tivemos coa celebración e é maior que que nos fagan un corredor, que é intranscendente", resolveu sen querer pensar aínda no próximo curso mentres non se peche de forma definitiva a presente tempada.
Relacionadas:
-
O Pontevedra certifica o seu ascenso a Primeira RFEF cun empate en Palencia (1-1)
Por Almu Dapena |
-
A Palencia a pechar o ascenso, a defender o escudo e a repartir minutos entre os menos habituais
Por Manu Otero |
-
Álex González: "Foi unha tempada dura pero confiamos no que fixemos no campo"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Pasarón festexa o ascenso 'virtual' do Pontevedra tras un sufrido empate contra o Salamanca (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |