A RFEF dá un ultimato ao DUX e o Talavera confía en ocupar a súa praza en Primeira Federación
Por Manu Otero
O futuro do DUX Internacional na Primeira Federación segue sendo unha incógnita. O equipo madrileño non se presentou ao primeiro partido de liga no estadio de Riazor e, todo apunta, a que tampouco comparecerá no seu segundo compromiso ligueiro.
Ante esta situación, o xuíz único da competición emitiu un comunicado no que concede de prazo ao DUX Internacional ata o 31 de agosto ás 12 horas para "que dispoña do número mínimo de licenzas establecidas no Regulamento Xeral ou, no seu caso e se non dispón delas ou considera que non debe dispoñelas ata o día 1 ás 23:59 horas, deposite ou avale ante a RFEF a cantidade de 493.317€ que é a cantidade dos prexuízos económicos que causaría aos demais clubs do mesmo grupo en caso de non participación na competición".
Aínda que o ultimato é ata o mediodía deste mércores, dado que o mercado de fichaxes e período de inscrición de xogadores non termina ata a medianoite do xoves, a RFEF vese obrigada a ampliar a marxe ata o final do mercado. Con todo, obrigan ao DUX a presentar un aval.
No caso de que o DUX Internacional sexa incapaz de inscribir xogadores para participar na competición, o xuíz único recomenda na súa resolución que a mellor saída ao conflito pasa pola desinscripción do club. "Ofrece unha situación máis favorable para o Club Dux Internacional SL dado que lles permite seguir competindo e participar na categoría inmediatamente inferior (Segunda Federación) na mesma tempada", puntualiza.
Doutra banda, no caso de que finalmente o DUX non consiga inscribir xogadores para participar en Primeira Federación, o xuíz único abre a porta a que a súa praza sexa ocupada por outra entidade.
No comunicado fan referencia á fixación de "un prazo para que os clubs con méritos deportivos poidan manifestar o seu interese pola inscrición e acreditar o cumprimento dos requisitos mínimos establecidos en cada categoría no suposto que, vencidos os prazos, o Club Dux Internacional SL non chegase a competir na Primeira Federación, así como o prazo para que o Club Dux Internacional SL poida manifestar o seu interese en participar na Segunda Federación".
Aínda que non fan referencia a datas concretas, enténdese que ese prazo para solicitar a vacante do cadro madrileño abrirase ás 12 horas deste mércores e pecharase antes do inicio da segunda xornada de liga en Primeira Federación e da primeira xornada en Segunda Federación.
A este chamamento xa responderon varios equipos. Talavera e Atlético Sanluqueño emitiron senllos comunicados informando do seu interese en optar á praza do DUX. Con todo, desde Las Rozas deixan entrever que a prioridade será para o cadro manchego que foi o mellor clasificados dos descendidos do grupo I da Primeira Federación na pasada campaña.
Aínda que o equipo andaluz sumou máis puntos na liga regular, a preferencia neste caso é para os clubs que compartiron grupo co DUX, co que ao Talavera seguiríalle o Zamora, Valladolid B e Tudelano.
"O CF Talavera xa comunicou á RFEF que o club cumpre todos os requisitos vixentes e está a disposición para formalizar a súa inscrición o máis axiña posible, para que se xere o menor dano posible á competición", informan desde o cadro toledano nun comunicado difundido a través das súas redes sociais.
Relacionadas:
-
Incerteza na Primeira RFEF: o TAD anula a expulsión do Internacional de Madrid
Por Almu Dapena |
-
Xa é oficial: O Talavera substitúe ao Internacional de Madrid en Primeira Federación
Por Manu Otero |
-
A RFEF expulsa o DUX, o Talavera será o seu substituto
Por Redacción |
-
Pasarón agarda chegadas de última hora, pero non saídas
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra visitará Riazor o domingo 18 ás 19 horas
Por Manu Otero |
-
A incógnita do DUX Internacional de Madrid: Chegará a visitar Pasarón na terceira xornada de liga?
Por Diego Espiño |