Acordo a tres bandas entre Leganés, Pontevedra e DUX para a cesión do mediocentro Álex Masogo
Por Manu Otero
Primeiro movemento granate neste último día de mercado de fichaxes. Se esta mañá de xoves Antonio Fernández confirmaba que había movementos, menos de tres horas despois o club fai oficial a chegada como cedido por unha tempada do mediocentro Alejandro Masogo.
Trátase dunha operación a tres bandas entre o conxunto de Pasarón, o Leganés e o DUX Internacional, que deu a carta de liberdade ao futbolista para asinar polo equipo pepinero e, acto seguido, poñer rumbo a Pontevedra.
OFICIAL | Álex Masogo, novo reforzo para o Pontevedra CF
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) September 1, 2022
O xoven centrocampista madrileño de 21 anos chega cedido do @CDLeganes.
Benvido @alexmasogo #IzandoVelas #HaiQueRoelo pic.twitter.com/AD0JggvM0S
Aos seus 21 anos, Masogo xa conta con experiencia na Primeira Federación. O pasado ano disputou un total de 10 encontros co DUX, sete deles como titular. A pesar da súa xuventude, o centrocampista foi gañando peso no once co paso das xornadas. De feito, as dúas únicas veces que completou os noventa minutos foron nas xornadas 37 e 38.
En Butarque, para xustificar esta fichaxe, destacan de Masogo a súa capacidade para organizar o xogo, o seu dinamismo no campo e o seu poderoso físico para ter presenza en ambas as áreas. A súa chegada serve para dotar de maior fortaleza á sala de máquinas granate, que destacaba máis polo exquisito trato de balón dos seus centrocampistas que polo seu poderío físico.
De orixe guineana, Alejandro Masogo ten unha estatura de 183 centímetros. Formouse no xuvenil do Atlético de Madrid para dar o salto logo ao xuvenil do Xetafe. Chegou a formar parte do filial azulón, pero nunca debutou co equipo en Segunda B. Na tempada 2020-2021 recrutouno o Mirandés para o seu filial e o pasado verán o DUX contratouno para a súa primeira aventura na categoría de bronce do fútbol español.
Non é a primeira operación deste tipo que o Pontevedra pecha co Leganés, hai dúas tempadas o central marroquí Jaouad Erraji tamén elixiu Pasarón para seguir crecendo como futbolista.
Aínda non se pode dar por pechado o plantel do Pontevedra con esta fichaxe. O club aínda dispón de dúas fichas sub 23 para incorporar máis xogadores, pero se o fan, pecharíase a porta do primeiro equipo para Sergio Abal, Martín Diz ou Valentín Jaichenko.
Relacionadas:
-
Incerteza na Primeira RFEF: o TAD anula a expulsión do Internacional de Madrid
Por Almu Dapena |
-
Álex Masogo: "Podo actuar de central se a situación o require"
Por Manu Otero |
-
Excesivo castigo para o Pontevedra na súa visita o Sanse (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra viaxa a Madrid co obxectivo de referendar as boas sensacións do seu debut
Por Manu Otero |
-
Pasarón agarda chegadas de última hora, pero non saídas
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra afronta o último día de mercado con tres fichas sub 23 sen dono
Por Manu Otero |