A Primeira RFEF 'seca' a efectividade goleadora do Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol queda 'seco' na Primeira RFEF, polo menos en canto á consecución de goles.
O conxunto granate, ademais de encaixar en Mérida a súa segunda derrota da tempada, acumulou a súa terceira xornada do campionato sen ver porta das seis disputadas, unhas cifras de produción ofensivas moi inferiores ás do pasado curso.
Baixa a efectividade a pesar de que os de Antonio Fernández chegan ao área contraria con relativa asiduidade ao longo dos partidos. Con todo está a custar ver porta, e é que no Estadio Romano de Mérida o primeiro remate entre os tres paus chegou no tempo de desconto cun cabezazo de Rufo. Antes o Pontevedra fora superior en moitas fases do encontro chegando con perigo ás inmediacións da meta rival, pero sen chegar a definir esas accións.
Se algo está a demostrar a Primeira RFEF neste inicio de liga é que esa falta de contundencia págase. Se non se golpea, á mínima faino o rival. Fíxoo o Mérida na súa primeira chegada ao igual ocorreu no duelo contra o San Sebastián de los Reyes, no que a pesar de ser mellores en liñas xerais os granates víronse sorprendidos por dúas poutadas dos madrileños para levar os puntos en xogo. Tamén contra o Alcorcón ou especialmente en Riazor fronte ao Deportivo houbo ocasións para gañar, pero non se conseguiu dar coa tecla do gol que pechase senllos triunfos.
As cifras demostran este feito. O Pontevedra anotou 5 goles no que vai de liga (6 partidos) tendo ademais en conta que tres deles chegaron no mesmo encontro (vitoria contra o Talavera 3-0), é dicir, o equipo da Boa Vila alcanza de media 0,83 goles por partido.
É unha categoría superior, pero é que o pasado curso na Segunda RFEF a media dos pontevedreses foi de 1,94 goles por partido, máis do dobre. A diferenza é tal que en toda a liga pasada o Pontevedra só quedou catro veces sen ver porta, polas tres que acumula xa esta tempada.
A nivel individual só Brais Abelenda (2 goles) viu porta en máis dunha ocasión, completando a terna de goleadores Charles, Rufo e Ángel Bastos cunha diana por cabeza. En comparación no comezo da campaña 21-22, pese ao mal inicio en canto a resultados, os de Pasarón acumulaban 11 goles despois de seis xornadas, con Charles (5) e Rufo (3) como artilleiros destacados.
Unhas cifras que a recado mellorarán, pero que polo ben do equipo deben facelo canto antes para poder manterse na zona tranquila da clasificación.
Relacionadas:
-
O Pontevedra estrélase no minuto 87 en Linarejos (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Jon Bakero pide confianza no Pontevedra: "Temos que crérnolo. Só falta marcar un gol e que se abran un pouco as portas"
Por Diego Espiño |
-
Linarejos, o fortín que espera o Pontevedra tras case un ano sen caer na liga
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Con este resultado non podes explicar que fixeches as cousas ben"
Por Almu Dapena |
-
O contragolpe do Mérida noquea o Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |