Linarejos, o fortín que espera o Pontevedra tras case un ano sen caer na liga
Por Diego Espiño
Reto maiúsculo o que vai afrontar a próxima fin de semana o Pontevedra Club de Fútbol, necesitado ademais dun triunfo que achegue tranquilidade tras os seus últimos resultados.
Os granates, a pesar de xogar lonxe de Pasarón a pasada fin de semana, afrontarán un novo desprazamento para medirse a domicilio ao Linares Deportivo (domingo 9, 12.00 horas). Será un duelo inédito, ao non terse cruzado en liga en toda a historia de ambos os clubs, pero ademais un duro obstáculo para os de Antonio Fernández, e é que o Estadio de Linarejos é un auténtico fortín.
Aínda que a pasada campaña non empezaron ben as cousas para o equipo andaluz, cun empate e catro derrotas consecutivas ante os seus afeccionados, foi capaz de dar a volta a esa situación iniciando unha xeira positiva que aínda continúa.
A última vez que o Linares caeu no seu estadio foi o 29 de outubro de 2021 fronte ao Barcelona B. Desde entón e tras 19 partidos ninguén máis conseguiu asaltar Linarejos na liga. Só o logrou, e con moito esforzo, en Copa do Rei o primeiro equipo do Barcelona (1-2 en xaneiro de 2022).
Esa fiabilidade como locais, traducida en 49 puntos de 57 posibles (15 triunfos e 4 empates), levaron o club a disputar o pasado curso a fase de ascenso a Segunda División como quinto clasificado no seu grupo da Primeira RFEF, cedendo nas semifinais do play-off fronte ao Deportivo.
No que respecta a a actual tempada o próximo rival do Pontevedra, colíder xunto ao Racing de Ferrol con 16 puntos, só cedeu ata a data un empate a domicilio, sumando de tres o resto de compromisos incluíndo os tres que disputou na casa ante o Mérida (2-0), San Sebastián de los Reyes (2-1) e Alcorcón (1-0).
Números que contrastan cos que polo momento acumula como visitante o conxunto da Boa Vila, con dúas derrotas (San Sebastián de los Reyes e Mérida) e un empate (Deportivo). Claro que as estatísticas están para rompelas.
Relacionadas:
-
O Pontevedra estrélase no minuto 87 en Linarejos (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Un Pontevedra máis agresivo e ordeado visita o inexpugnable Linarejos
Por Manu Otero |
-
Jon Bakero pide confianza no Pontevedra: "Temos que crérnolo. Só falta marcar un gol e que se abran un pouco as portas"
Por Diego Espiño |
-
A Primeira RFEF 'seca' a efectividade goleadora do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Con este resultado non podes explicar que fixeches as cousas ben"
Por Almu Dapena |
-
O contragolpe do Mérida noquea o Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |