Traducir as "boas sensacións" en puntos, obxectivo do Pontevedra para recibir o Celta B
Por Manu Otero
O Pontevedra recibe este sábado en Pasarón ás 19 horas ao Celta B coa necesidade de poñer punto e final a unha seca goleadora que dura xa tres xornadas, nas que os granates só foron capaces de sumar un punto tras empatar sen goles no seu estadio contra o Linense.
Recoñece o adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, que "a seca goleadora é preocupante porque nos lastra. Nesta categoría poñerte por diante no marcador mete en dificultades aos rivais". Aínda así, o técnico resta importancia a esta situación e atribúeo a unha mala serie. "Eu estou tranquilo polo que xera o equipo, outra cousa é poder materializar as que temos. En cada partido temos varias ocasións claras e no momento en que entren estaremos a falar doutro tipo de resultado", argumenta Fernández Rivadulla.
En conseguir que o balón entre na portería rival consistiu boa parte do traballo realizado polo equipo durante a semana. "Insistimos nas finalizacións, en xerar momentos do xogo nos que se vexa reflectido ese momento, na ocupación dos espazos e en xerar confianza nos centradores e nos rematadores para ocupar ben esas zonas", explica o preparador como preparou o encontro deste sábado.
Tampouco quere escudarse Fernández no tópico do bo xogo practicado polo equipo. Recoñece que "as sensacións son boas pero só con sensacións non gañas puntos". Insistiu ademais en que espera manter contra o Celta B esas "boas sensacións", pero remarca que o principal a estas alturas de tempada é "gañar".
O plan de xogo para facerse coa vitoria teno claro Antonio Fernández, pero preferiu non dar pistas a un rival que agora xa sabe que o Pontevedra manexa varios esquemas, como xa se puido ver na xornada anterior na que iniciou o encontro cunha defensa de tres e terminouno co esquema máis habitual de catro defensores. "O equipo ten que saber manexarse en diferentes estruturas tanto en defensa como en ataque. Iso vai ser unha riqueza nosa", xustificou o preparador pontevedrés.
Con todo, puntualiza que o visto o pasado domingo en Linarejos "non foi unha defensa de tres ao uso" e mostrouse satisfeito porque "o equipo soubo a que xogaba e o plan do partido exposto para facer dano ao Linares saíu en moitas fases do xogo. Sobre todo con *Álex González chegando pola esquerda cando xerabamos xogo na dereita", ilustrou.
A clave para conseguir sumar dunha vez os tres puntos está, para Antonio Fernández, en "que o equipo estea ben e ordenado para frear as potencialidades do Celta B, que son moitas. Pero como nós tamén ten algunha carencia e temos que saber como atacarlles e defendelos". O principal temor do técnico é que os xogadores rivais estean o sábado inspirados. "Son capaces do mellor e do peor. Se teñen o día son xogadores diferenciais, é o perigoso, que estean conxuntados e teñan o día. Pero nós temos que ser o equipo que os faga sufrir", puntualiza o técnico nado en Ourense que non renuncia para este partido á etiqueta de favorito.
De feito, Antonio Fernández considera que a "categoría está a ser moi igualada e decídese por detalles, que nos están lastrando a modo puntos".
Un destes factores diferenciais pode estar o domingo na bancada. "Espero un ambiente que nos axude. Necesitamos que nos leve polo aire e en que veñan nun bo número porque cando Pasarón roxe, os rivais nótano. Os puntos téñense que quedar en Pasarón", pide Antonio Fernández, que mantén as dúbidas dos lesionados Samu Araújo, Borja Domínguez e Diego Seoane. Todos adestran xa co grupo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra salva un punto 'in extremis' ante un superior Celta B (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Libasse Guèye, convocado con Senegal sub-23, perderase dous partidos co Pontevedra
Por Redacción |
-
Antonio Fernández cumpre 100 días á fronte dun Pontevedra ao que "só falta conseguir vitorias"
Por Manu Otero |
-
Un ano despois, o Pontevedra volve ocupar postos de descenso
Por Manu Otero |
-
Antonio Fernández: "Hoxe o fútbol foi inxusto connosco"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra estrélase no minuto 87 en Linarejos (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Un Pontevedra máis agresivo e ordeado visita o inexpugnable Linarejos
Por Manu Otero |
-
Jon Bakero pide confianza no Pontevedra: "Temos que crérnolo. Só falta marcar un gol e que se abran un pouco as portas"
Por Diego Espiño |