Inés Silva, bronce no primeiro torneo de sabre júnior da tempada puntuable para o ranking nacional
Por Redacción
A Escola Hungaresa de Esgrima iniciou a tempada con bo pé no primeiro torneo de sabre puntuable para a clasificación nacional cadete e júnior.
O club pontevedrés estivo representado na localidade madrileña de Rivas por Inés Silva e Pilar Garnelo, ambas as dúas aínda de categoría cadete.
As dúas deportistas superaron a fase de grupos en 10ª e 16ª posición respectivamente, clasificándose para o cadro de 32 tiradoras, onde Silva venceu á madrileña Patricia González por 15 tocados a 12 e Garnelo fixo o propio coa madrileña Lucía del Palacio por 15 tocados a 13
Xa no cadro de eliminación directa de 16 tiradoras as lerezanas tiveron unha sorte dispar, ao ceder Pilar Garnelo ante a madrileña Fabiola Villegas por un axustado 15-14, e Inés Silva impúxose á francesa Mathilda Favand por un cómodo 15-9.
Despois chegaría outro triunfo fronte á catalá Duna Dobos (15-10) para avanzar ata as semifinais, onde esperaba a madrileña Mar Fernández. O asalto foi igualado ata os seus últimos compases, onde con igualdade a 13 tocados a madrileña decantou a balanza ao seu favor con dúas accións consecutivas.
A pesar da derrota Inés Silva levou de Madrid unha gran medalla de bronce, conseguida nunha categoría superior á súa e situándose no primeiro posto da clasificación nacional cadete, unha clasificación na que Pilar Garnelo é terceira e que sitúa ás dúas pontevedresas con opcións de clasificarse para o Campionato de Europa e o Campionato do Mundo 2023.
Relacionadas:
-
Dobre medalla para a Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima
Por Redacción |
-
As infantís da Escola Hungaresa conquistan o bronce no nacional de esgrima
Por Redacción |
-
Dobrete nacional de prata e bronce para as cadetes Silva e Garnelo, da Escola Hungaresa
Por Redacción |
-
A base da Escola Hungaresa divírtese a golpe de medallas
Por Redacción |
-
Pilar Garnelo ascende ao cuarto posto do ranking nacional de sabre cadete
Por Redacción |