Dobrete nacional de prata e bronce para as cadetes Silva e Garnelo, da Escola Hungaresa
Por Redacción
A pasada fin de semana celebrouse en Madrid o segundo torneo nacional de sabre cadete, puntuable para o ranking e clasificatorio para o campionato de España da mesma categoría.
En representación da Escola Hungaresa de Esgrima participou, na proba de sabre masculino, Samuel Ogando, que rematou na posición número 36, tras superar a fase de grupos cunha única vitoria e caer derrotado no primeiro asalto de eliminación directa.
Na proba de sabre feminino participaron as tiradoras Ángela Nogueira, Inés Silva e Pilar Garnelo. Tras sumar unha única vitoria, Nogueira caeu eliminada na fase de grupos, mentres que Garnelo e Silva superaron esa fase en segunda e cuarta posición respectivamente, clasificándose directamente ao cadro principal de 16 tiradoras. Nesta ronda, Silva venceu á catalana Iria Ortiz por 15 tocados a 9 e Garnelo fixo o propio coa valenciana Eugenia Hinsch por 15 tocados a 3.
No cadro de final de 8 tiradoras continuaron as vitorias. Silva venceu á madrileña Lucía Jimeno nun emocionante 15-13 e Garnelo pechou un marcador máis cómodo (15-10) fronte á madrileña Daniela Solera.
Xa nas semifinais as lerezanas tiveron unha sorte dispar. Silva gañou á valenciana Marta de Juan por 15 tocados a 9 e Garnelo cedeu ante a madrileña Valeria Verde por 15 tocados a 10.
A final entre Silva e Verde estivo moi axustada ata os últimos compases do asalto, onde a madrileña acertou nas súas decisións, vencendo por 15 tocados a 12.
Así acadaban as sabristas da Escola Hungaresa un novo doblete, sumando unha medalla de prata e outra de bronce ao seu palmarés, tal e como xa fixeran no primeiro ranking cadete celebrado o pasado decembro.
Relacionadas:
-
Dobre medalla para a Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima
Por Redacción |
-
As infantís da Escola Hungaresa conquistan o bronce no nacional de esgrima
Por Redacción |
-
Inés Silva, bronce no primeiro torneo de sabre júnior da tempada puntuable para o ranking nacional
Por Redacción |
-
A base da Escola Hungaresa divírtese a golpe de medallas
Por Redacción |