VÍDEO.- As fortes choivas asolagan o pavillón de Monte Carrasco: "Foi unha salvaxada"
Por Diego Espiño
Xa pasara máis veces, pero ninguén lembra que fose de tal magnitude.
As fortes choivas dos últimos días, en especial as caídas durante a madrugada do domingo e primeiras horas da mañá, deixaron unha imaxe impactante no pavillón municipal de Monte Carrasco, en Marcón.
Alí estaba previsto xogarse un encontro da Liga Galega Cadete de fútbol sala entre Leis Pontevedra e A Quinta Tui FS, que tivo que ser suspendido ante a cantidade de auga que entraba desde o tellado asolagando as instalacións.
"O problema é que tapáronse as baixantes de auga e entón a auga sae por onde pode e entra para dentro. Non entra na pista directamente pero se é moita auga non dás achicado", sinala o presidente do Leis, Xoaquín Fabeiro sobre unha incidencia que "pasa de vez en cando, cando non están limpos os canalóns".
"Entrou algo de auga hai uns días, foron limpar e deixou de entrar, pero é que o domingo foi unha salvaxada, porque choveu moitísimo co temporal", explica a PontevedraViva o dirixente. Así se pode ver de feito nun vídeo gravado por pais dos futbolistas afectados.
Trátase ademais dunha situación únese ao habitual problema de humidade nas instalacións "que mentres non se poña un sistema de calefacción ou deshumidificación vai seguir estando", recoñece Fabeiro.
A situación foi posta en coñecemento do Concello para proceder á limpeza dos canlóns afectados, esperando desde o Leis poder retomar con normalidade os adestramentos no pavillón.
Relacionadas:
-
Estiman que o pavillón de Marcón volverá reabrir as portas a finais de xuño
Por Redacción |
-
Contratan obras de emerxencia para cambiar a cuberta do Pavillón de Monte Carrasco
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá precipitacións tódolos días
Por Redacción |
-
Peche ao tráfico da rúa Francia de Monte Porreiro este mércores 26 de outubro
Por Redacción |
-
Pingueiras, portas bloqueadas e falta de limpeza no pavillón de Monte Carrasco
Por Redacción |