O Cisne planta cara a un Valladolid que o castigou nos minutos finais (35-31)
Por Almu Dapena
O Club Cisne Balonmano segue sendo incapaz de romper a súa mala dinámica de resultados e caeu este sábado en Valladolid a pesar de empezar mandando no marcador e da boa actuación baixo paus de Roney Franzini (30,77%). O conxunto valisoletano foise impoñendo aos poucos a pesar da reacción final dos brancos, que chegaron a empatar a falta de 10 minutos para a conclusión, pero entre Dimitrioski (7 goles) e Dimitrievski (6 goles), letais en ataque, encargáronse de amarcar a tarde de sábado ao equipo de Javier Márquez.
Tardou en moverse o marcador máis de catro minutos tras uns primeiros instantes nos que Roney Franzini converteuse no protagonista do Cisne con catro paradas consecutivas, mentres o conxunto local apoiábase nunha boa defensa para impedir que o resultado se movese. Foron os brancos os que abriron a lata con dous contragolpes de Carlos Álvarez cos que asinaron un primeiro parcial de 0-2, pero enseguida reaccionou o Valladolid para dar a volta ao resultado e impedir que os brancos tomasen maior vantaxe (3-3, min. 10).
Os dous equipos buscaban o xogo rápido e replicaban da mesma forma uns e outros. Se os locais anotaban, os brancos facían o propio, incapaces ambos de abrir unha brecha no marcador e asinando unha igualdade total ata alcanzado o minuto 20 de xogo. Foi aí cando se produciu un punto de inflexión protagonizado pola exclusión de Franceschetti, que deixou ao Cisne cun menos, e tamén pola arrancada en ataque valisoletano, que serviu para abrir a maior brecha do partido con tres goles case seguidos (11-8).
Parou o tempo Javier Márquez, pero a diferenza aumentou a favor do cadro local, secundado por César Pérez baixo paus e unha liña ofensiva que estaba a ser imposible de parar para mandar o partido ao descanso cun resultado de 18-14.
Saíu mellor dos vestiarios o Cisne, endosando un parcial de 1-4 que o colocaba a tan só un gol do empate aos cinco minutos da segunda metade e que obrigaba ao técnico local a parar o cronómetro para reverter a situación e decidía optar por un ataque sete a seis (19-18).
E puideron os brancos empatar o encontro aproveitando a falta de precisión na circulación rival que ben podían traducirse en goles, pero foi o Valladolid o que recuperou unha pequena vantaxe aínda que sempre seguido moi de preto por un Cisne que non estaba disposto a baixar os brazos e apoiábase en Franzini para manter vivas as súas esperanzas (25-23).
Entrou o partido nos seus últimos 15 minutos, o colexiado descualificou a Pedro Martínez por un lapote na cara de Ocaña e o Cisne empatou, por fin, da man do seu goleador Álex Chan desde os sete metros (28-28).
Foron os locais, en cambio, os que con Lobato e Nicolo D'Antino recuperaban o mando no marcador cando quedaban pouco máis de cinco minutos de partido, mentres os de Pontevedra buscaban por todos os medios volver sumar esta tempada (31-28).
Pero souberon os de Valladolid xogar mellor as súas cartas con Dimitrioski transformando as súas chegadas e aumentando a diferenza a pesar dos moitos intentos do Cisne de empatar, asinando un definitivo 35-31.
Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón
Relacionadas:
-
Kilian Ramírez, o heroe dun Cisne que quedou a un palmo do triunfo en Guadalaxara (24-24)
Por Almu Dapena |
-
Xornada clave para un Cisne que recupera efectivos
Por Redacción |
-
Festa no Pavillón Municipal coa visita do Barcelona ao Cisne (25-43)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Que os seus xogadores e afeccionados "gocen", obxectivo do Cisne na visita dun Barcelona "de lenda"
Por Diego Espiño |
-
Alejandro Conde, apercibido polo Comité de Competición por desconsideración aos árbitros
Por Diego Espiño |
-
Entradas de público a 15 euros para a esperada visita do Barcelona ao Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne, a romper a súa mala serie en Valladolid nunha intensa fin de semana deportiva en Pontevedra
Por Redacción |
-
A fe do Cisne non basta para compensar a súa fraxilidade defensiva (31-35)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne di adeus á Copa do Rei superado polo Ángel Ximénez (24-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Noite aciaga do Cisne ante o Bidasoa no seu regreso ao Municipal (19-28)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |