Saleta Castro sobe ao podio nunha das carreiras máis duras do planeta, a Patagonman Xtreme Triathlon
Por Diego Espiño
Participar nunha das carreiras máis duras do planeta é xa de seu un reto maiúsculo, pero se se lle suma subir ao podio pasa a ser unha experiencia inesquecible.
Iso é o que lle pasou a Saleta Castro, terceira clasificada da Patagonman Xtreme Triathlon, un tríatlon de longa distancia que viviu a súa terceira edición na Patagonia no medio de condicións extremas para os deportistas.
"Non é unha proba máis é A PROBA, todo o que rodea a este evento é especial, salvaxe e extremo", recoñecía antes da carreira a deportista pontevedresa nas súas redes sociais, tras completar nin máis nin menos que 3.800 metros de natación, 180 quilómetros en bicleta e un maratón final de 42 quilómetros a pé. Todo iso con baixas temperaturas na auga ou cun importante desnivel e tramos sen asfaltar no ciclismo.
"Non vou dicir que foi a carreira máis dura que fixen porque vos estaría mentindo pero das máis extremas por suposto que si. Os percorridos son duros pero tan bonitos que tes que velos en vivo para entender o que sente", explicou Saleta despois da competición.
"Se a distancia en si é dura, engade desnivel e engade correr na Patagonia. Non se como serán o resto de rexións pero na de Aysén, Coyhaique, Cerro vila Castelo e Porto ibañez pasas de estar conxelada con sensación térmica de 5-6° chovendo, ao sol seco con ventos xeados que case te tiran da bici e de súpeto ao verán na maratón que te queimas. Tes que estar preparado para todo porque en cuestión de minutos todo cambia", afirma.
Chegar a meta é todo un éxito, pero no caso de Saleta fíxoo coa recompensa do podio final ao ser só superada polas británicas Caroline Livesey e Maggie Rusch, primeira e segunda respectivamente.